23.6.05
Calma
Onte soubemos que poderemos ficar neste paraíso un ano máis. A incerteza do futuro -malia a segura Ítaca- esvaeceu para ledicia de B e contento meu, que afasto por fin da cabeza a arrepiante idea doutra mudanza tan preto da anterior; cando menos, que me dea tempo a esquecer as chambonadas dos últimos transportistas.
A tarde transcorreu entre sesta, lectura e paseos polas nosas posesións prestadas, ollando a buganvílea preñada de seda, as hortensias que empezan a poñerse coma repolos maduros (cada conxunto de floriñas ten ben o tamaño dunha cabeza humana), os malabarismos do noso amigo o esquío, que semellou vir para celebrar connosco o acougo recuperado, e o voo irregular das rulas, que se negaron a deixar pasar o día sen a correspondente visita.
Sentados nos mexedores do balcón contemplamos os xogos de luces que o avance do serán ía debuxando no mar e no ceo e experimentamos esa doce paz que xorde no corazón cando hai acougo na alma. Á beira, na mesiña, unha prohibida cervexa ía refrescando a gorxa, porque un día é un día a pesar das consecuencias.
Entrementres, un solpor máis foi caendo na badía, as Estelas e as Cíes de fondo dando conta de que aínda hai cousas que permanecen para acougo dos humanos. Porque, aínda que semelle mentira, existen cousas que unha desexa permanentes caia quen caia. As outras..., ben, as outras xa mudarán cando teñan que mudar.
Por certo, feliz noite de San Xoán.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario