27.6.09
Fenómeno
Continúa a empregar os ingredientes básicos da novela policial de xeito moi tradicional e con habilidade, o carácter arroutado do zaragozano non presenta tantos tópicos coma na primeira e afóndase na forma de ser de Leo Caldas con sutileza e bo facer.
Siruela é a encargada da tradución ao castelán.
17.6.09
Ardores de agosto
Este é o título do último libro de Andrea Camilleri protagonizado polo comisario Montalbano. Xa confesei máis dunha vez a miña devoción por Camilleri e sobre todo polas súas novelas negras; esta non decepciona, ao contrario, é unha mostra máis do bo facer deste siciliano que imparte clase de teatro en Roma.
É breve, como adoita, e por iso fíxoseme un chisco curta; a este autor non se lle pode acusar de que aos seus libros lles sobran páxinas, desde logo, aínda que aos seus lectores nun momento dado non lles importaría. A calor do título imprégnao todo, até o punto de que semella encher o cuarto tranquilo e fresco onde unha le. Mergúllase nos sentimentos do comisario quizais máis ca noutras novelas, sobre todo na súa conciencia da mediana idade que lle vai pesando comparada coa mocidade de Adriana.
A trama áxil, os personaxes ben perfilados, a prosa fluída e precisa condúcennos a "nadar e chorar" con Montalbano.
6.6.09
O mellor e o peor
Pensou en Orula. Era de confiar, aínda que moi novo, e isto quería dicir que non tiña madurecido para gobernar a Terra e dirixir os homes.
"Antes de falarlle disto teño que poñer a proba a súa sabencia", pensou Obatalá. "Xa verei logo o que fago".
Obatalá mandou buscar a Orula e díxolle:
- Quérote probar. Cumpre o meu degoxo: tráeme algo de comer sexa cocido ou asado; pero ten en conta que esa comida ha de estar feita co mellor que haxa no mundo.
Orula foi ao mercado. Camiñou dun lado para outro e viu froitos fermosos, pero non os mercou. Viu doces, pero non os mercou. Viu moitas verduras, pero non as mercou. Viu diferentes peixes, pero non os mercou. Viu aves, e tampouco as mercou. Había moitas clases de carne, que non mercou.
Despois de moito andar e ollar, Orula mercou unha lingua de vaca. Levou á súa casa herbas, follas de loureiro e outros condimentos, e arranxou un bo prato que lle ofreceu a Obatalá.
Cando Obatalá probou a lingua de vaca dixo:
- É un prato moi saboroso.
E comeuno sen deixar farangulla.
- Moi saboroso -repetiu-; de certo que estaba feito co mellor do mundo. Pódese saber, Orula, admirable cociñeiro, de que estaba feito?
Orula calou.
- Fuches ao mercado, non si? -preguntou Obatalá-. A ver, a ver, alí hai froitas, doces, verduras, peixes, carne... Non era unha simple lingua iso que me trouxeches para comer? E iso é o mellor do mundo?
- Sabio Obatalá -respondeu Orula-; práceme saber que che gustou o prato que che arranxei. A túa intelixencia é abraiante e acertaches... Agora ben, non recordas que non hai cousa no mundo que se poida comparar coa lingua? A lingua pode dar as grazas por un bo traballo, pode gabar unha grande obra, aconsellar na desgraza e dar consolo nas mágoas. Quen dá as noticias aos homes? A lingua. Quen nos di o que temos que facer? A lingua. A través dela un home calquera pode chegar aos máis altos postos do mundo -dixo Orula sorrindo.
- Todo o que dis é certo -respondeu Obatalá.
E pensou: "aínda que é novo, ten grande intelixencia".
Non obstante, Obatalá decidiu probar de novo a Orula.
- Arranxáchesme un prato co mellor que hai no mundo -dixo Obatalá-. Isto foiche doado. Agora dareiche unha tarefa máis difícil: que me arranxes un prato co peor que haxa no mundo. Vai e non bulas moito na busca pois no mundo hai cousas malas abondo.
Orula foi ao mercado e de novo mercou unha lingua de vaca.
Volveu á casa coas herbas, as follas de loureiro e outros condimentos, preparou o prato e levoullo a Obatalá.
- Como! -dixo Obatalá-. A primeira vez que me trouxeches este prato dixéchesme que estaba feito co mellor que había no mundo, e confirmeiche que era certo. Agora vésme outra vez coa lingua de vaca e dis que se trata do peor que hai no mundo. Como explicas isto?
Orula respondeu:
- Sabio Obatalá, no que digo non hai nada estraño. É ben sabido que a lingua pode esnaquizar os esforzos dos homes e o bo nome dunha persoa. Cunha soa palabra pode privar o home dos seus medios de vida. A lingua serve para aldraxar e pode traerlles ás xentes moitos males. Pero aínda hai máis. Con ela é posible converter en escravos os habitantes dun país. Pode haber peor cousa no mundo?
E Obatalá respondeulle:
- Todo o que dis é certo. A primeira vez eran certas as túas palabras e tamén agora estás dicindo a verdade. Eu desconfiei da túa xuventude, pero agora respecto a túa intelixencia. Ti ocuparás o meu lugar.
Conto cubano sacado de Contos vellos pra rapaces novos de Xosé Neira Vilas; edicións do Castro, 1983.
27.5.09
Amores

Gustoume esta novela, gañadora do primeiro Certame de novela curta da cidade centenaria de Ribeira que tivo lugar hai dous anos, pois o concurso é bianual. En cento dezaoito páxinas a autora traza un universo algo abafante no que destaca Gabriel, o protagonista e narrador, que quere con ansia á nena Aldara, filla de Lis, até o punto de casar con esta para salvar a filla do que el ve como maltrato. O pulo narrativo é firme, a historia non decae en ningún momento e a personalidade do protagonista, malia resultar para os demais pusilánime, arrastra a saber máis e mesmo atrae, se cadra porque nalgún momento todos tivemos e temos as nosas indecisións. Ademais, a súa psicoloxía está ben armada, contraditoria na súa medida, pero humana, moi humana. A súa decisión final, non sei por que, non me sorprendeu.
26.5.09
A modo de folletín
Creo que non lle lera antes nada a Caneiro, se cadra porque falar marabillas de si mesmo e poñer a pingar a outros é unha actitude que me desgusta e sen podelo evitar repercute nas miñas simpatías e antipatías. Non sei se repetirei con outra. Quizais si, malia que só sexa por curiosidade.
20.5.09
Agasallo

Chegoume hai un par de días a primeira novela de Mauro Eiroa, Los años del verdugo. As primeiras entregas léraas aquí e gozara delas porque, entre outras cousas, o autor paraba xusto no momento culminante deixando o lector co mel nos beizos e forzándoo a acudir ao seu blog case cada día por ver se actualizara. Pero esas ansias pertencen ao pasado; agora co libro nas mans unha puido permitirse o luxo de lelo de vez deixando que a envolvese o ambiente, o ton perfectamente conseguido a guiase por unha infancia preñada de detalles ben recoñecibles e a prosa fluída e fermosa a conducise paseniñamente da man por un camiño que se chama o pracer da lectura. Pouco máis podo engadir que animarvos a gozar dela como eu a gocei.
12.5.09
Unha de Kostas
Por certo, mañá fago 52. Por que será que non me sinto unha señora?
3.5.09
Cabío
Quedei prendada das praias de Cabío non só pola súa beleza, senón tamén pola tranquilidade e limpeza que nelas se pode gozar. Ademais de ter un cámping excelente con preciosas casiñas de madeira, hai un hotel con encanto moi preto dun dos areais. Como me dicía un amigo, na Pobra non teñen moitas cousas, pero as que teñen están moi coidadas, bastante máis que na Centenaria, todo hai que dicilo aínda que non guste.O paseo de madeira permite realizar un percorrido do máis agradable, sempre co mar á beira. As poucas persoas que nos atopamos aparentaban felices. Sospeito que en tempada alta esa paz e tranquilidade se verán moi diminuídas, porque todo o mundo ten dereito a gozar das marabillas da vida. Alguén se anima?
26.4.09
Petición

O home de Maryland pídeme nun correo que fale de Dona. Se non o fago con máis frecuencia é porque non quero cansar os meus escasos lectores.
Teño que confesar que esta cadela gañou o meu corazón; é bastante pacífica, pero moi activa; encántalle xogar a tirar dun xoguete que ten de nós e que é o único que aínda resiste desde que llo mercamos de cativa. Pesa vinte e nove quilos e agora mesmo está mudando o pelo, co cal a casa parece un niño de paxaros. Pide mecos buscando as mans co fociño, pero tamén sabe estar ao seu aire cando lle peta. Cada vez que vén alguén corre a saudar coma se acabase de chegar o seu máis prezado amigo; é moi curiosa e o seu fociño aspira todo canto se lle pon a tiro. Non conseguimos quitarlle o vicio de subir coas patas ao peito da xente, cousa que resulta un pouco embarazosa porque non discrimina se se trata de alguén coñecido ou descoñecido, sobre todo cando está mollada. É moi cariñosa e os seus recibimentos semellan un estourido de ledicia. Para min é a máis guapa de todos os golden que hai en Ribeira.
15.4.09
Resultado e morte
Despois de gozar de días cheos de sol onde fixemos algunhas excursións agradables, levamos unha semana con chuvia, frío e algunha mala noticia desas irreparables que che deixan un sabor algo amargo na boca, a pesar de saberes que contra a morte non hai rebelión que valla por moito que che entre a pena no corazón. Asúmelo con máis ou menos esforzo, pensas nesa nai octoxenaria que despide por segunda vez un fillo, aspiras aire e ollas para adiante dicíndote a ti mesma que cómpre gozar da vida mentres se poida.
Por ti, Tito, descansa en paz por fin.
7.4.09
Concurso
Dúas chamáronme a atención; unha por mala, malísima. Non sei en que estaría pensando o autor cando decidiu enviala ao concurso. Pero cadaquén é moi dono de probar sorte con calquera produto. A outra, polo contario, está ben escrita, ten ritmo e o autor parecía saber o que levaba entre mans... até o final. Poucas veces lin algo que se estrague de tal maneira por un final fóra de toda lóxica.
Xurárame a min mesma non volver participar como xurado literario e xa se ve que os xuramentos privados non valen de nada. Desta vez non me arrepinto.
29.3.09
Sorpresa
Agora é un home de trinta e poucos que dá clases de guitarra a todo aquel que teña interese, toca en dúas bandas de música (unha de festas populares e outra de concertos de corda para os que queiran chamalos, incluídos vodas, bautizos e primeiras comuñóns), practica surf, viaxa nunha furgoneta con cama, forno, cociña e todo o necesario para unha emerxencia, vive na planta baixa da casa dos avós ao lado da praia de Vila Real e ten unha conversa sempre interesante.
Foi moi agradable telo na casa, cear con el, escoitar as súas aventuras en Australia e tomar aquela beberaxe tranquilizante a base dunha raíz que os aborixes non cansan de beber no seu día a día.
Ao meu comentario de quen o viu e quen o ve, B contéstame que unha cousa é un homiño e outra un home. Abofé que si.
25.3.09
O pegatina
Recoñezo que me molesta o seu que a xente se empeñe en acariciar un can en descanso cando non sabe se se vai alterar; nós estamos comendo ao noso aire e o Pegatina non falla: ponse a uns metros de distancia da nosa mesa e comeza a facer espaventos cara á cadela; logo achégase e non para de sobala até que ela lle dá as dúas patas con gran movemento de rabo. A botella corre perigo de caer ao chan, os pratos abanean de xeito alarmante; agarramos a mesa e procuramos seguir comendo mentres o homiño nos explica polo miúdo a súa vida. Despídese varias veces co aquel de que vai xantar, pero non se dá ido. Por fin, despois de múltiples anuncios, decide que xa é o momento.
A dona do restaurante achégase a nós cun sorriso retranqueiro: Que? Xa estades integrados na vila.
18.3.09
Unha francesa

8.3.09
A Chus e Kaplan

6.3.09
Un vaqueiro moderno
O outro día, xa as portas da corte, berroulle ao cabalo: Eh! Ven aquí. O animal acudiu axiña, refregou o fociño contra a cara do amo, recibiu o seu aloumiño e entrou para adentro. Igual que un canciño.
3.3.09
De volta á normalidade
Por fortuna xa vai pasando e espero que dentro duns días acabe a crise. Cando menos poderei volver á miña normalidade, que non é como para botar foguetes, pero fai a vida máis soportable.
24.2.09
16.2.09
A forza das palabras
Aínda non sei moi ben que pensar de La ladrona de libros de Markus Zusak, un autor australiano bastante novo que usa como narradora a Morte para contarnos a historia de Liesel, ambientada na segunda guerra mundial, unha nena adoptada por Rosa e Hans antes de que estoure a guerra, que carga co seu pasado sen que se faga un drama del. Algunhas opinións din que é sensibleira, aínda que a min non mo pareceu, máis ben penso que a pesar de que no fondo a historia é terrible, tal e como está tratada non conmociona, non fai chorar -como din algúns por aí- nin te remexe por dentro.Escrita cun estilo directo e bastante doado de seguir, non está exenta de lirismo, de frases bonitas e de certa humanización da Morte que incluso por momentos fai que a vexamos coma unha personaxe simpática ou, cando menos, aceptable.
Merqueina a pesar de non estar moi convencida, tras ler algunhas reseñas e ver que se convertía nun dos libros máis vendidos, algo que por principio non me atrae en exceso. Á fin caín e non me arrepinto, a verdade, pero tampouco me felicito; é unha obra totalmente prescincible que fai fincapé na forza das palabras, aínda que a medida que se vai lendo unha non acaba de atopar ese toque máxico que, en efecto, nos leva a pensar que as palabras teñen unha forza irresistible. Quizais o escritor non conseguiu o que se propoñía.
11.2.09
Por fin

Por fin o cataventos ten uns momentos de respiro e nós, ocasión para sacudir a morriña que se nos instalou dentro sen pedir permiso. Prometeron que mañá, a máis tardar, volverá o sol que se perdeu entre nubes e temporais. O meu lado sensato dime que estamos no inverno e ten que chover; o outro rebélase contra ventos e mareas e atrévese a berrar ben alto que xa está ben, que necesita un pouco de luz entre tanto escuro nubeiro.
O problema de aquí, e máis concretamente do lugar onde vivimos, é que case sempre sopra un vento non necesariamente agradable, sobre todo cando hai alerta laranxa. A pesar de que é moi fermoso, día tras día de ceos grises e chuvias constantes acaban co bo humor do máis optimista.
Quédame o consolo de que na zona só neva cada trinta anos.