30.9.11

Prégase difusión

Lede isto (se queredes, claro).

24.9.11

Cando era pequena...

Gustoume moito o post de Kaplan e, aínda que non me convida, doume por convidada. Sospeito que será bastante menos interesante có seu, pero apetéceme mergullarme naquela época.
... unha vez que fun á igrexa coa miña nai negueime a poñerme de xeonllos cando era preceptivo. Ela, recollida no momento, tirábame dun brazo para obrigarme e eu notei á perfección o seu cabreo. Teimuda como boa tauro, continuei de pé todo o tempo. Á saída caeume unha bronca tremenda, pero non me importou: fixera o que me petara.
... odiaba que me fixesen fotos (segue sen gustarme en exceso) e teño algunhas memorables: acenos de desgusto, peticións de "non, non, non", de costas á camara...
... quería ter fillos (!!!) e pasealos na compaña da miña propia nai, as dúas cos nosos respectivos carriños e crianzas. Escuso comentar a imaxe que lle xurdiu na mente. Unha cadea!
... xogaba cos amigos e curmáns a representar historias e, por suposto, eu era sempre o heroe: Llanero Solitario, Capitán Trueno, Tarzán... As mozas non me interesaban, demasiado pasivas para o meu gusto.
... percorriamos as obras que había na rúa e xogabamos un tenis improvisado e primitivo: desde a beirarrúa devolviamos cun pau ou unha táboa as pedras que nos lanzaban desde un nivel máis alto; conservo unha pequena cicatriz nunha cella dunha pedrada mal dirixida.
... subiamos a un guindastre deitado nun solar e faciamos equilibrios nos ferros. Deixei de facelo o día que caín e quedei colgada dun pé coas bragas ao aire. Case reneguei de miña nai que se empeñara en que puxese aquel vestido vermello coa saia tan plisada.
... era capaz de ler sen moverme até que non remataba o libro; así devorei nunhas vacacións de Nadal, sentada sobre a alfombra entre a miña cama e a da miña irmá, as trinta novelas de Rafael Sabatini que había na casa, mercadas e forradas con papel vermello pola miña nai.
Logo medrei e comezaron os problemas.

22.9.11

Encantada


Hai tantos anos que sigo a David Rubín que non sei por que me asombra tanto a súa última obra publicada. Lémbrame a primeira vez que vin actuar a M.V.I. ou que ela leu algo meu: coñeciámonos tanto que nos sorprendeu descubrir facetas propias, en que ningunha das dúas participaba, que non nos quedou máis remedio que admiralas sen concesións. Non é exactamente o caso de David; tiven a honra de ver os seus primeiros traballos, alá polos anos 90 do pasado século, levarllos a B e comentarmos: "caralliño, este rapaz promete", e seguir a súa traxectoria case paso a paso. Constancia, traballo duro, formación fonda, tesón e ARTE nas veas marcan a traxectoria deste artista do cómic que con esta novela gráfica amosa -ao dicir de B- canto medrou. Porque non é o mesmo ver o traballo de alguén que non coñeces de nada que gozar con cada viñeta de alguén que che é próximo e familiar, sobre todo se está cargada de movemento, acción, colorido e alma en doses elevadas.
Non son unha experta en cómic, madía leva, pero sei identificar a calidade cando a vexo e este libro tena desde o principio até o final (grazas a deus, queda o segundo tomo). Estou desexando darlle unha aperta. Estou desexando ler e gozar da continuación. Grazas, David!

16.9.11

De pexegos e outros produtos

Estaban así hai un mes; agora xa non queda case ningún na árbore. Din que as primeiras crías dunha froitera non se deben arrincar e nós, ben mandados, agardamos a que fosen caendo de seu ou se soltasen só con tocalos. En realidade non son pexegos, senón pavías que saíron dunha semente soterrada nun testo alá en Auria; a pequena plantiña que chegou aquí pasouse a terra e en cinco anos (tiña xa máis ou menos oito) medrou vizosa e deu froito. Levámoslle algúns a un veciño doente e creo que non se van poder regalar máis, pois non teñen moi bo aspecto e son poucos.
A cría que está saíndo do meu maxín despois de observar e reflexionar durante os mesmos anos leva bo ritmo, malia que non teño nin idea de se o resultado final se parecerá ao que escribo a medida que se me ocorren as escenas, quizais si, quizais non; en todo caso gozo coma unha cosaca, a pesar de que ás veces me atasco ou as cousas non saen como pretendía. Cando escribo leo moi pouco; acumúlanse as suxestións e as apetencias, pero non me van as mans a ningún libro agás ao que eu intento construír. Teño notas no taboleiro de cortiza e na mesa do ordenador con ideas que xorden mentres "medito" tombada no sofá, coas cadelas durmindo moi preto de min e o verán esvae moi devagar transformándose en outono.

8.9.11

De probas e de premios

A pesar de que debería estar afeita, sempre me abraia que algo familiar en determinados programas informáticos cambie de súpeto pola vontade e capricho de quen os creou; suponse que muda para mellorar, pero eu, que desde cativiña fun reacia a que me desen unha papa diferente, tardo o meu en habituarme ao novo aspecto e disposición do que aparece na pantalla. Tan só quixen probar a nova interfaz (como moi amablemente me invitaban) e xa non podo volver á anterior, así que non me queda outra que indagar e tirar para adiante. Espero non provocar unha desfeita.

O primeiro que fixo Melas en quitándolle o colar isabelino foi destruílo; roeulle todos os enganches e houbo que tiralo. Está recuperada, contenta e activa; corrica, xoga, lambe, come e goza que dá xenio, mesmo catou os primeiros pexegos do pexegueiro que veu connosco de Auria, hai xa unha morea de anos. Por certo, eu tamén os catei e están de vicio.

O señor Kaplan tivo a xentileza de concederme un premio. Agradézollo de todo corazón.

4.9.11

Primeira saída ao monte

Aínda anda co funil porque non se debe lamber, pero xa lle quitaron os puntos e hoxe B animouse a sacala coa nai; cando viu que ela tamén ía, semellaba feliz coma unha perdiz.
A cicatriz ten moi bo aspecto, cerrou ben e dentro duns días poderá ir á praia e nadar coma unha lontra; agora que os turistas marcharon, os areais volven ser propiedade de paisanos e cans, os seus donos habituais dez meses ao ano.
Polo momento segue a durmir no interior da casa, pero dentro de nada todo este proceso pertencerá ao pasado e volverá pasar as noites da mellor maneira posible: libre.

28.8.11

Post-operatorio

Aínda que o nome técnico é colar isabelino nós chamámoslle funil por razóns evidentes; como as veterinarias non tiñan un do seu talle, houbo que poñerlle un meirande e a pobre vai dando tombos pola casa adiante tropezando con todo.
Ao final cumpría facelo, xa o tiñamos falado varias veces, así que aproveitamos as circunstancias e, aplaudidos polas súas médicas de cabeceira, levámola o mércores pasado a que lle quitasen o aparello. Charo amosóunolo e manexouno coa soltura de quen o fai dende hai tempo (asombroume o pequeno que é) e sinalounos unha especie de lentelliñas (entre catro e seis, a ollo) que resultaron ser embrións. O maldito atigrado (o can máis papán da zona) conseguiu o que quería, pero non volverá intentalo con ela.
Está incómoda, non pode rañar con comodidade nin meter o fociño onde quere; non entende o que lle pasa e con moita frecuencia achégase a min para que a alivie; o único que podo facer eu é acariciala e falarlle con voz tranquila e suave, ás veces rañolle os laterais do corpo ou detrás das orellas e ela lámbeme as mans. Tampouco pode saír libremente á horta, ten que ir atada para evitar que corra ou choute e xa tirou comigo unha vez e lesionoume o ombreiro dereito a base de tiróns. Cando B e Dona saen de paseo, ela xeme e choromica porque tamén quere, pero iso está prohibido. Cómpre consolala e procurar que repouse o máis posible para que o costurón cicatrice canto antes.
Se todo vai ben, dentro dunha semana será libre.

23.8.11

Os Santos

Estes días de calor, treboada, piolla, fresco e volta á calor (ideais para o corpo) gozamos da compañía de Nino e Pilar que, como xa é tradición desde que vivimos aquí, veñen pasar uns días connosco e dar unhas voltas pola zona. Son unas das poucas persoas do pasado que sigo vendo dun xeito regular, aínda que só unha vez ao ano, e recibo as súas visitas con ilusión e ledicia. Tiñan bastante que contar, pois Nino está madurando a idea de cambiar de categoría e pasar á miña, algo ao que o animamos se el está convencido; despois de todo o que pasou, ben merece tomar a vida con calma.
O domingo, tras xantar e dar unhas voltas, o esgotamento puido comigo e Pilar quedou na casa facéndome compañía, mentres homes e cadelas saían a pasear polo monte. Faloume da traizón dunha amiga e da decepción tan grande que levou, e é que a determinadas alturas da vida, a pesar da experiencia, ese tipo de asuntos non se asumen nada ben, sobre todo se a amizade duraba anos e coidabas que a envexa ficaba fóra do circuito.
A envexa, terrible sentimento que me horroriza percibilo sobre min.

18.8.11

Un excelente profesor

Serafín Moralejo deume clase hai unha morea de anos, tantos que nin coñecía a B, así que nos poñemos cara a finais da década dos setenta. Foi unha eminencia no seu campo, valorado e respectado polo mundo adiante coma o experto que era en arte medieval e investigador de ben. Daquela, con vinte anos (ou eran vinte e un?), todo iso pouco me importaba; o que me importaba era que ensinaba de marabilla, esperabas as súas clases coma auga de maio, sorrías ou rías a cachón coas súas ocorrencias (aínda lembro aquel proxector de diapositivas "manomático", en contraste co "automático") e aprendías de verdade, DE VERDADE, arte e aprendías a querer aprender máis.
As súas clases eran unha delicia e os seus exames non eran un suplicio, porque valoraba o que dicías se estaba razoado e sempre procuraba sacar o mellor de ti mesmo.
Descansa, por fin, en paz, benquerido profesor. Con todos os meus respectos.

14.8.11

Batalliñas de domingo

Que gustazo dá erguerse tarde da cama unha mañá de domingo chuviosa e agrisada. Ha!, que gustazo, si.
Entrei na cociña e notei algo na expresión de B; inquirín polas cadelas e contestoume que tiña que recuperarse do incidente. Que incidente?, preguntei. Entrou o atigrado, non sei por onde, respondeu compunxido.
Que nos entre un can na horta carecería de importancia se non nos tivésemos preocupado de pechala o mellor posible para que iso non ocorrese; tamén carecería de importancia se Melas non estivese co celo, pero está. Leva quince días do seu primeiro celo e agora atravesa a fase de recepción ao macho. Cos seus catorce meses é demasiado noviña para ter cachorros.
O invasor viuno B fuxir por un punto feble co que non contabamos e que lle queda moi preto da súa casa. Melas apareceu meneando un rabo cheo de terra e herbas, a barriga cuberta dunhas sementes espiñentas que se lle enredan no pelo e custa moitísimo sacar e con toda a pinta de ter pasado por unha boa estomballada.
Agora só queda levala á veterinaria para que tome as medidas oportunas. Maldito atigrado!

6.8.11

De tacos de papel

Cadaquén ten o seu sistema e eu respéctoos todos, como non! Se algo funciona non debe abandonarse até que se comprobe que outro vai ben.
Hai uns vintecinco anos merquei nunha feria naturista un taco de papel reciclado; supoño que tería unhas dúas mil páxinas, non sei. Ao meu poder chegara, tamén, outro taco que me regalara o da papelería cun trebello para manter ao lado do teléfono e tomar notas. Xamais os necesitei. E agora os tacos van diminuíndo de volume, porque nas sestas sen durmir tomo nota de canta idea se me cruza polo maxín e logo eses papeliños crávoos no meu vello taboleiro de cortiza, situado ad hoc á beira do ordenador para serme útil. O home de Maryland comentoume que había un programa informático para escritores en que cun simple clic pódense ter á vista notas, ideas para desenvolver, suxestións... Non me atraeu. Varias veces intentei traballar con varias ventás abertas e non me aclarei: era unha lea. Porén, con este sistema que sigo, podo sentar no chan para ler con calma os papeliños e dicirme a min mesma: pois este sérveme para tal e aquel para máis adiante; ese podo desenvolvelo antes e aqueloutro non lle vai mal a este contexto. Estouno pasando de medo.

1.8.11

Sorpresas máis que agradables

Hai dous días esperaba pasar a tarde coma adoito nos últimos tempos: un anaquiño de sesta sen durmir e logo escritura, pero unha mensaxe no móbil púxome a cen. Ico e Berta estaban no Vilar e preguntábanme onde estaba eu. Viñeron á casa, lóxico, lembramos tempos pasados e percorremos un chisco os presentes; bastantes amigos do seu enorme grupo -coñecidos meus de vello- xa son pais e non sei por que poño 'xa', porque teñen idade máis que suficiente para esa tarefa. De cando en vez teño que lembrarme a min mesma que son adultos desde hai tempo, que se este non se detén para min, tampouco o fai para os demais, que todos sen excepción seguimos crecendo sen parar.
Non podía deixalos marchar sen comer algo, así que preparei a cea mentres B regaba a horta salvaxe que temos desque lle rompeu a rozadoira eléctrica (e xa van tres). A conversa continuou entre paté e un mesturado de gambas con grelos ao forno, para rematar con dous tipos de queixos, regado todo cun suave (por moito que poña riserva) viño italiano.
Cando marcharon quedei remoendo o encontro e volvendo experimentar sensacións gratas, desas que a un lle gustaría conservar para sempre.

29.7.11

O rei do mambo

Tobías ou Tobi é o rei da casa de Mollabao en Teucro, de onde acabamos de chegar; é un can recollido do monte haberá uns dous anos e, aínda que pareza unha gran cousa na foto, cabe entre as patas de Dona sen facer ningún esforzo; sen ofendelo, podo asegurar que me sobra man para acaricialo. Áxil, elegante, vivaz, mal comedor, amante do xogo e dos aloumiños, é amigo dos gatos que acotío aparecen por alí para pedirlle comida á miña cuñada e non minto ao asegurar que axudou a criar tres, orfos, supoñemos que por un mal accidente da nai.
Dona pasou bastante del, cómpre recoñecelo, pero Melas soubo retribuír a súa hospitalidade e ambos os dous brindáronnos a todos algúns momentos do máis divertido cando á noite saïamos á horta para tomar o fresco.
Foi de agradecer tanta vitalidade e tantas estratexias para zafar e entreterse, porque arriba a nai de B continúa murchando devagar. Apenas fala.

18.7.11

Nai e filla

Parece que se están abrazando, pero non é máis ca unha tregua nun dos seus habituais combates. Melas provoca a Dona mordéndolle os beizos ou as patas porque quere xogar; a nai, máis tarde ou máis cedo, responde e a filla, despois dunha ou dúas breves incursións, acaba por poñerse panza arriba en postura de total submisión. Dona é tan, pero tan bruta que ás veces temo pola integridade de Melas, aínda que nunca pasa nada grave.
Agora que estamos de vacacións alternan o seu obxectivo e andan tras miña ou tras B segundo non se sabe moi ben que motivo, en xeral mimarrear e mutuarse, actividades nas que son expertas.
Cando sento na butaca para descansar ou fumar un cigarro, colócanse unha a cada lado e buscan as miñas mans coa mirada ou co fociño; sentiríanse plenamente felices se estivese acariciándoas sen parar. Son tan cariñosas que acotío me pregunto como non cansan, malia que remato dicíndome que os mecos non estoxan a ninguén.

12.7.11

Seis veces, seis

Xa está na casa, pero moi frouxa e con moito medo. É a sexta vez que a operan do mesmo. Ten oitenta e seis anos e moreas de achaques. Algún médico tense estrañado de que aínda siga aquí, pero é dura; lévao demostrando desde hai máis de vinte anos, en que lle caeu enriba o enfisema. Xamais fumou.

7.7.11

Palabras que non existen

A primeira e única vez que a vin escrita foi nun exame que corrixía, hai xa moitos anos (aínda non existía a ESO), e pareceume tan gráfica e precisa que lamentei tela que riscar, aínda que non resistín a tentación de gabar o autor escribíndolle unha nota no propio exame na que o felicitaba pola súa creatividade lingüística. Porque MUTUARSE ten que ser unha auténtica pasada e nós, desde que a descubrimos, non facemos máis que empregala. As nosas cadela mutúanse cando xogan e se lamben ou cando se osman unha á outra; nós mutuámonos cando charlamos despois do xantar ou nos aloumiñamos; a xente, en xeral, mutúase cando realiza actividades gozosas en común.
E todo xurdiu ao explicar as construcións e os verbos recíprocos. E logo din que a gramática é aburrida.

26.6.11

Pantasmas do pasado

Ela e El roldáronse desde que eran adolescentes, mesmo saíron xuntos durante un período máis ou menos breve (descoñezo os detalles); a vida foinos separando e reunindo de cando en vez e sempre conservaron a amizade. Agora, xa adultos e con existencias máis ou menos serenas, bastante equilibradas grazas ás respectivas parellas, atópanse ante un dilema terrible. Quérovos. Sorte.

18.6.11

Aleluia!

Por fin, si, por fin! Xa había ben tempo que non se me cruzaba no camiño un proxecto abondo atraente para poñerme a escribir e, a pesar de saber que as cousas pasan cando teñen que pasar, sentíame bastante defraudada de min mesma. Por sorte, as secas acaban por rematar e as observacións que levo realizando de xeito inconsciente durante estes anos semellan querer callar nunha historia, ou nun cúmulo de historias que de seguro serán unha, abondo capaz para sacudirme por dentro e empurrarme a intentar atrapala.
Niso ando. Desexádeme sorte.

5.6.11

Torrente Ballester 2010

El hermano pequeño é a última novela publicada de J.M. Guelbenzu que ten como protagonista a xuíza Mariana de Marco. Xa teño comentado que me encanta este home como crítico literario: cortés, respectuoso, ponderado e pouco ou nada dado ás descualificacións. Recoñezo que ás anteriores entregas sempre lles atopei chatas: que se o ritmo languidece en determinados momentos, que se este ou aquel personaxe non están bastante logrados, que se a intriga fraquea nalgúns puntos... Por iso alédame que desta vez lle saíse unha novela máis ou menos redonda, merecedora do premio Torrente Ballester de 2010. Aínda que os premios, en realidade, non digan demasiado.
Mariana -coma en todas as series que se gaben de ser series- vai medrando pouco e pouco e amosando características que antes non agromaran ou non se manifestaran con claridade. Todo está ben armado e ben trabado, lese con pracer e deixa, ao remate, un grato sabor de boca; incluso dá certa mágoa chegar ao final. Gustoume, paseino ben e aprendín algunhas cousas. Que máis se pode pedir?

28.5.11

Percorrido polo horto

No noso horto non se chapoda nada que bote flor e como proba, esta herba medio seca que segue dando unhas delicadas e pequenas flores azuis. Preto dela está plantada unha camelia de flores vermellas, que nestes momentos rematou xa a súa floración. Uns metros máis aló, preto do pozo, o marmeleiro cóbrese de follas moi paseniño.
A primeira árbore que chegou fíxoo nun testo e medía medio metro; agora o aguacate debe andar polos tres e conta cun tronco respectable que precisa de dúas mans para abranguelo. O pexegueiro, pola súa parte, é máis cativo pero deu moitas flores que se converteron en pexegos e agora observo día a día os progresos que fan: teñen un tamañiño xeitoso, pero o forte nordés que sopra por aquí de cando en vez xa lle arrincou un par deles. Espero que os outros resistan, aínda que só sexa para catalos.
Logo están a amendoeira, a maceira fuji, o pomelo, o limoeiro, a figueira, a nogueira, o romeu onde pariu Dona a súa terceira cría (non me explico como, despois daquilo, resiste tan feliz), varias maceiras bravas que B se negou a desarraigar e algunhas plantas máis que se poñen lindas ou feas segundo a época do ano.
Case todos os días fago a rolda polo horto acompañada, como non!, de Dona e Melas, que aproveitan para escaravellar na procura dunha toupeira que nunca pillan, a pesar do fervor que lle poñen.