30.3.07

O cachorro

É branquiño, miúdo, curto de patas e rebuldeiro. Ao principio fuxía do coche cada vez que o vía; agora, que xa colleu confianza, bótase a el coma un león mais, se o deteño, óllame desconcertado agás se lle falo con voz de aloumiño; entón, ah, entón menea o rabo a mil por hora e agacha as orellas agardando, se cadra, as caricias que a voz lle promete.
Ten dona. Unha mágoa.

27.3.07

De mentes

As mentes animais son sinxelas e, xa que logo, definidas. Os animais non se dedican a dividir a experiencia en pequenos anacos e a especular sobre os que se perderon. Para eles, todo o universo se divide en cousas para a) copular, b) comer, c) das que fuxir e d) pedras. Isto libera a mente de pensamentos innecesarios e proporciónalle precisión alí onde cómpre. Por exemplo, un animal corrente nunca intenta camiñar e mastigar goma de mascar asemade.
Pola contra, o ser humano corrente pensa en toda clase de cousas, todo o día, a toda clase de niveis, coa interrupción de ducias de imposicións biolóxicas e momentos críticos. Hai pensamentos a piques de se formularen, pensamentos privados, pensamentos de verdade, pensamentos sobre pensamentos e toda unha gama de pensamentos inconscientes. Para un telépata, a mente humana é o caos. É unha terminal de ferrocarril con todos os altofalantes funcionando ao tempo. É toda unha banda de FM... e algunhas das emisoras non son legais. senón piratas procedentes de mares prohibidos que emiten melodías nocturnas con letras marxinais.

Ritos iguais, Terry Pratchett.

26.3.07

Embarques

Ando ás voltas coa charla que me comprometín dar sobre o Quijote e dubido á hora de peneirar a información da que dispoño -demasiada, como non!-. Por un lado, creo que non se trata de facer unha análise exhaustiva da obra desde o punto de vista literario, pois corremos o risco de eternizarnos e aburrir o persoal; por outro, non teño moi claro que pode interesar á xente que acuda ao ateneo nin que se espera dunha charla deste tipo. Recibo algunhas ideas que non me acaban de convencer por inapropiadas mentres que outras desconcértanme por demasiado profundas.
Foi este un libro no que traballei bastante no pasado, pois a cantidade de facetas que presenta é innumerable e daba moito xogo á hora de facer traballos interesantes. Pero xa non estamos na facultade, así que... como enfocalo?

24.3.07

O mercado

Como en toda vila que se prece, aquí hai un mercado que se ergue os sábados na explanada do porto. A primeira vez que o vin -hai xa máis dun ano- abraioume por ser un dos máis grandes dos que teño constancia, e coñezo algúns. Postos de queixos, embutidos, confeitería, bacallao, froitas e verduras, plantas, calzado, roupa do máis variado, calcetíns, apeiros, alfombras, teas, churros... espállanse ao longo de preto dun quilómetro que percorren os miróns ou, tan só, o pasean. Nós adoitamos chegar tarde, cando moitos dos vendedores están recollendo para retirarse, aínda que sempre hai ocasión de atopar algunha desas cousas que cómpren antes de que sexa demasiado tarde. Hoxe mercamos unha planta de romeu e unha especie de sacho de mango curto, co que B pensa facer marabillas. Xa ten un legón de mango longo co que se deslomba de cando en vez, a pesar de que di que lle é moi útil.
Antes encantábanme os mercados, percorrelos de arriba abaixo fixándome en todo e parábame a cada pouco para observar os produtos; agora non me fan tanta graza, quizais porque duns anos para acá amólanme as moreas de xente que cos seus carriños e bolsas arremeten contra todo o que se cruce no seu camiño. Sen dúbida, fágome maior.
Unha das cousas que máis me chama a atención é observar como recollen; ordenan a mercadoría con detalle, gárdana nas furgonetas e tardan menos do que eu tardaría en facer unha bolsa para saír de viaxe. Un xeito de vivir nómade que a min me choca moitísimo, se cadra porque son moi cómoda.

21.3.07

Moas e clases

A pesar de coidar a boca desde cativa, teño unha dentamia que me deu problemas sempre, de xeito que ando fatal de moas. Agora, por fin, farta a máis non poder da prótese que uso, decidinme a poñer implantes nunha clínica que abriu as súas portas non hai moito aquí e que, polo momento, me parece moi profesional.
A primeira sesión (hai varias semanas), que consistiu no implante de dúas pezas do lado dereito, foi un chisco amolada por mor duns martelazos que o odontólogo me propinou non sei moi ben para que, pero que sen dúbida eran necesarios. A segunda, onte, deixoume máis contenta pois non me inchou a cara coma a dun coello nin se me puxeron negróns nin me doe a zona coma a anterior vez. O experto é un sudamericano que se chama coma min, gordo coma un mundo (a súa barriga tropeza coa miña cara cando está traballando) e amable coma varios, de xeito que me sinto, cando me explica as cousas, coma se me estivese fornecendo toda clase de aloumiños, algo que agradezo igual que se me acariñasen ou case.
Sería longo de explicar o trauma que me provocou a tal prótese cando a puxen, aínda hoxe experimento un rexeitamento bastante grande cara a ela. Como son medio somnámbula, adoitaba ao principio quitala durmida (o odontólogo que ma fixera recomendárame mantela no sono) e "atacaba" a B con ela; ás veces aparecíame na man sen saber como nin porque non, e rompeume en varias ocasións sen que eu fixese nada por destruíla. Un horror. A ilusión que me move arestora é poder comer sen incomodidades, non ter que andar coas moas da boca para un vaso e comportarme con elas coma se fosen miñas. Por sorte, as técnicas actuais permeten enxertar óso cando non o hai (un dos grandes problemas á hora de poñer este tipo de pezas) e que o corpo o asuma coma propio.

Por outro lado, ando dándolle clases de lingua ao bo amigo Juan, irmán e socio de Tucho, que está estudando bacharelato, a pesar de non o precisar para nada. Véxoo traballar polas mañás no bar e non podo menos que abraiarme ante a súa amabilidade extrema, a súa profesionalidade e o seu saber facer. Gústame este home encantador que amosa un interese fóra do habitual e unha cabeciña moi ben posta que capta á primeira o que imos mirando e que me retrotrae a un pasado non moi remoto do que me lembro menos do esperable. Dáme un inmenso pracer compartir o que sei e constatar que o aprendido non queda no baúl dos recordos sen aproveitar a ninguén.

19.3.07

E mentres...

E mentres a primavera se achega paseniño axexo pola fiestra mundos diversos que me levan ao pasado.

14.3.07

Preguntas e conclusión

Como te chamas?
E el como se chama?
Por que só tendes un coche?
Que estás facendo?
Que é iso tan raro?
Por que levas barba? (a B)
Por que vistes ese pantalón de traballo?
Non tendes can? Por que?
Non hai nenos nesta casa?
Por que hai terra aí? Que pasou?
Que é un porche?, etc., etc., etc.

Conclusión: Sodes raros, raros!

Para os meus veciños de seis e catro anos (hai un terceiro dun ano, pero aínda non é autónomo) somos dous elementos exóticos cara aos que senten unha curiosidade inmensa. A pelota cáeselles a cada pouco na nosa selva-xardín -sobre todo cando a nai os perde de vista- , ocasións que aproveitan para facer incursións en territorio alleo e axexar todo canto lles vén aos ollos. Se a porta está aberta, non teñen reparo ningún en coarse para pescudar e comentar ("nós temos unha escaleira igual ca esa") ou mirar con ollos alucinados o semellante e diferente asemade que é esta casa da súa; ao oírse chamar polo seu nome un pregunta sorprendido "ti de que me coñeces?", sen lembrar para nada que foi el mesmo quen se me presentou; se lle vou dar un recado á nai, volve preguntar "por que viñeches?". Todo o queren saber, todo os intriga.
Están descubrindo o mundo e o seu punto de referencia é o seu contorno familiar; o demais é raro, raro.

11.3.07

Sobre a lingua II

A lingua é calquera código de sinais que serve para a comunicación (Dicionario Xerais da Lingua de Carballeira et alii) ou lenguaje utilizado por una comunidad humana (Diccionario del español actual de Seco et alii) ou système d'expression et de communication commun à un groupe social (communauté linguistique) (Le Petit Robert de Pierre Varrod et alii).
Partindo destas definicións en esencia idénticas, para min a lingua é comparable a un instrumento (musical se se quere) que nos permite comunicarnos cos nosos conxéneres nunha determinada comunidade lingüística. Como tal, inspírame moito respecto á hora de utilizala dun xeito diferente ao da simple comunicación diaria. Cando escribo, por exemplo, persigo unha corrección diferente de cando falo, porque á hora de expresarse oralmente posuímos recursos físicos (movementos de mans, acenos da faciana, xesticulación corporal...) que se ven substituídos na escrita polos signos de puntuación e pola precisión lingüística. Coido, tamén, que por moito que coñezamos a lingua na que nos expresamos, o que pretendemos é facernos entender, chegar ao interlocutor de maneira que comprenda a mensaxe enviada a ser posible sen malentendidos (va esperanza), por iso evitamos ou debemos evitar a pedantería oca que só persegue demostrar ao mundo o listos que somos.
Non son unha purista (iso creo), pero si unha maniática -sospeito que por deformación profesional- da corrección; as faltas de ortografía prodúcenme unha especie de sarabullo cando as detecto, as incorreccións léxicas e sintácticas danme arrepíos aínda que as acepto (que remedio) e como filóloga pouco ou nada politizada amólame que se faga un uso político da lingua.
En literatura empregamos de xeito especial o idioma, buscamos que soe ben o que escribimos, permitímonos licenzas (tropos) que lle dan un sentido diferente ou matizan o que queremos expresar. Por suposto que na fala tamén os utilizamos, pero dun xeito menos consciente.
A normalidade dunha lingua consiste en empregala, respectala coñecéndoa e non considerar estupideces as normas polas que debe rexerse.

9.3.07

Macondo

Onte, no Ateneo Valle Inclán, Antonio Arca, avogado de profesión, garciamarquiano de paixón, ofreceunos unha charla sobre Cien años de soledad na que abraiou a todos polo seu profundo coñecemento da obra. A min, que teño unha memoria nefasta, impresionoume que recitase fragmentos do libro coma se os estivese lendo, pero non. Recoñezo que coa súa paixón conseguiu que ollase con outra mirada ese libro que tanto me custou ler, por pertencer a unha estética que non comunga comigo.
En efecto, se exceptuamos a Cortázar e durante un tempo Alejo Carpentier, os escritores sudamericanos non me entusiasman ou non conseguiron encherme nos anos, remotos xa, en que os intentei ler ou tiven que lelos por obriga. Quizais influíse o profesor que nos daba clase de literatura hispanoamericana, cuxa actitude cara a nós era de absoluto desprezo, non sei aínda por que.
Quizais sexa tempo de intentalo de novo.

7.3.07

Sobre a lingua

A raíz do seguinte fragmento do post lido no levantador de minas que trata sobre o encontro cun escritor:
A lingua literaria. Preguntado sobre a importancia que el lle outorgaba ao dominio da lingua para a construción dunha lingua literaria que contribúa á ideal manifestación dos obxectivos narrativos, o autor contestou: “A lingua é algo secundario na miña obra. Unha vez que a lingua literaria cumpre a súa misión a través dun ritmo adecuado ao servizo da narración, debe caracterizarse pola transparencia.”
Confeso o meu estupor. Ou non entendemos o mesmo pola palabra lingua e a palabra literatura ou as miñas ideas ao respecto son por completo diferentes ás súas.
A lingua é un instrumento de comunicación, para o ser humano un dos máis importantes, se non o máis; a lingua literaria non é outra cousa ca un uso especial e específico que se fai dese instrumento. Non concibo que nunha obra literaria a lingua poida ser algo secundario. Se entendo mal, alguén podería botarme algo de luz?

4.3.07

Na casa

Entre B e mais eu plantamos un kumkuat ou mandarino chinés que ten froitos pequeniños e olorosos. Xa tiñamos unha camelia, un albaricoqueiro anano, unha acacia que sufriu os rigores dos temporais e está medio seca, un rododendro que nos regalou Tucho, dúas orquídeas de exterior e unha roseira de flores vermellas que aínda non floreceu. Escuso dicir que B está no seu elemento, máis feliz ca un cuco.
A casa dá pola parte de diante a unha corte de vacas e a varias casas máis e pola parte de atrás vese o mar: con só erguer un chisco a cabeza por riba do monitor podo ollar a costa de enfronte: Cambados.
Mentres el continúa no xardín, eu fochico no novo ordenador e intento recuperar parte dos enderezos que perdín por mor do virus que pillou o anterior, con pouco éxito, todo hai que dicilo. Son incapaz de atopar a miña vella conta de flickr e creo que abrín outra, pero non estou segura de nada. Aínda non me metín a aprender os mínimos rudimentos de inglés e así me vai por estes mundos (ir)reais.

2.3.07

Por fin!

Por fin teño internet na casa; relouco de ledicia. Que lle imos facer se son fácil de contentar!

27.2.07

Lecturas varias

Coñecín a Emilio Carrere -de quen estou lendo La torre de los siete jorobados- hai pouco tempo por unha revista que lle dedica un artigo. Atraeume que o cualificase de autor de novela fantástica, misterio e aventuras ao estilo dos folletíns e proeume a curiosidade. Teño que confesar que me cansa un chisco, aínda que me gusta o politicamente incorrectos que soan hoxe en día os epítetos dirixidos aos chepudos, por suposto os malos da historia. Algunhas das aventuras son inverosímiles de máis e os protagonistas zafan dos enredos dun xeito máis que rocambolesco, pero serve para facerse unha idea do que vendía como churros na primeira metade do século pasado.
Tamén ando coa reletura do Quijote por sexta ou sétima vez para unha charla sobre el no ateneo. En tempos interesoume moito Cervantes e, sobre todo, esta obra da que moitos falan e non tantos leron, pois xa se sabe que quen máis quen menos coñece aventuras do fidalgo manchego aínda que só sexa polas series de televisión. Como os meus intereses cambiaron bastante ao longo dos anos, non estou gozando tanto coma nas anteriores ocasións, quizais porque aínda non cheguei á segunda parte, a que máis miolo ten desde o punto de vista literario.
Peter Pan de rojo escarlata, de Geraldine McCaughrean, estame decepcionando e, mediada a novela, cáeseme das mans. Semella unha simple acumulación de episodios sen fin nin meta que non consegue seducir. Será cuestión de arrombala até que atope un mellor momento.
Teño bastantes libros apetitosos agardando, pero os días só teñen vinte e catro horas e eu, só dous ollos.

20.2.07

Papá

Xa o dixo Cesare: papá morreu. Seica o fixo tranquilo e sen sufrir, probablemente sen decatarse, aínda que iso só o pode saber el. Levaba maliño desde novembro, movíase con moita dificultade, pero nunca comentei nada aquí porque se me meteu na cabeza que a enfermidade e a morte son tabús nos blogs, non sei por que.
Era un home algo despistado, coma min, arroutado e bastante rabudo, coma min, boa persoa, quero crer que coma min, e con mala memoria, coma min. Non hai moitos anos que recuperei a sensación de formar parte del e tiven tempo de comunicarllo, algo que me aleda e consola máis do que pensei. Tamén me consola e aleda dun xeito algo parvelo que puidese ver que o meu último libro publicado está dedicado a el, aínda que xa non fose capaz de lelo.
Ao carón da súa butaca tiña un caderno de pastas duras a cadriños azuis que era un intento de diario. As palabras trementes, nunha das entradas, dicían que procuraba recuperar a letra, frase que me entristeceu, pois estaba preocupado nos últimos tempos porque a man non lle respondía aos seus desexos; tamén se lle resistían os números e dende a chegada do euro resultáballe difícil saber canto custaba cada cousa.
Pertencía á xeración do chupete, esa que foi á guerra o derradeiro ano da contenda, e odiaba os militares de xeito feroz porque o obrigaron a estar na mili cinco anos, anos que coidaba roubados. Nunca llelo perdoou. Tamén aborrecía os curas e sospeito que non aprobaría que un deles o despedise, aínda que fose tan prudente e breve coma este e estivese acompañado por un diácono negro coma a noite. Quizais lle fixese graza o acento tan lindo do mozo tanzano.
Morreu, si; e, malia que o vin alí na caixa tan guapo e sereno, cústame aceptar esa realidade. Supoño que é cuestión de tempo. Pero confórtame saber que por fin descansa en paz, que por fin papá descansa.

12.2.07

Tempo

Cando daba clase explicaba que o tempo cronolóxico e o meteorolóxico se expresan en galego con distintos verbos; así, dicimos que VAI calor ou frío, pero HAI quince anos que pasou algo. Así, hoxe vai un día cálido, pero hai catro días que espero a chegada dun paquete, DO paquete coa ADSL.
Si, por fin teño teléfono fixo, a pesar do técnico máis que grazas a el. Non sei se os malos modos son xerais neste tipo de empregados ou só eran particulares deste en concreto. As dúas horas que tardou en meter os cables polos condutos (que, por certo, non daba atopado) pasounas o home fungando, rosmando, protestando e ameazando con que marchaba. Recoñezo que me armei de paciencia porque me conviña e, aínda que tiven tentacións de mandalo a paseo, repriminas como mellor souben.
Non acabo de entender por que teñen tan mal carácter certos elementos, quizais pola maneira de cobrar (por servizo feito), quizais porque teñen que traballar á intemperie vaia frío ou calor, chova ou luza o sol. De todos os xeitos creo que non custa nada ser amable; ademais, vai ben para a cute.

5.2.07

Exilio

Kaplan pídeme que poña tres motivos polos que me exiliaría. A estas alturas da vida dubido moito de que me exiliase de Galicia por nada (agás, se cadra, por amor), pero non está de máis reflexionar sobre tres cousas que me atacan os nervios desta España nosa.
1ª.- O partidismo a morte. Nin todo o que fai a esquerda está ben nin todo o que fai a dereita está mal e viceversa. Se fósemos un país en verdade civilizado e democrático comprenderiamos que tanto uns coma outros cometen erros ou teñen razón á marxe de ideoloxías políticas, pero céganos un pasado que non pedimos e convertemos en herdeiros dese pasado unha xente que, con toda probabilidade, non se sente herdeira de nada. Envexo, nese sentido, un Reino Unido con moita máis tradición democrática cá nosa e que non ten reparo en criticar o seu líder cando o está pedindo a berros. Aquí, porén, abonda con que este se protexa baixo determinadas siglas para que o espírito crítico desapareza sen deixar rastro. Irrítame até a furia.
2ª.- A burocracia. Sempre me custou comprender que para solucionar un asuntiño de nada que dependa da administración pública, cumpra dar voltas e máis voltas, que che leven a contra por sistema, sen escoitarte apenas, sacando da manga unha cláusula ou un imperativo que non ten razón de ser; que mesmo teñas que cabrearte en serio para que che presten atención; que teñas, en suma, que amosar unha mala educación que estás lonxe de sentir para solucionar ese asuntiño de nada. Ás veces penso moito en Larra. Rebéntame.
3ª.- O nacionalismo embiguista e limitador até o pailanismo. Son incapaz de comprender ese nacionalismo embiguista capaz de refugar ideas máis universalistas por unha presunta protección do propio. Ben está protexer o propio, ben está, pero nunca até o punto de pechar os ollos a unha realidade maior, máis ampla, máis complexa e rica, da cal, por outro lado, formamos parte. Negar a historia e o presente, negar o que temos entre mans non conduce a ningures, sobre todo cando vivimos tempos en que a mestizaxe cultural, a comprensión e aceptación do alleo solicitan impoñerse a berros.
Hai outros detalles que me poñen fóra de min, abofé que si, pero estes son os que nos últimos tempos máis me desacougan ou máis me roldan na cabeza.
Non sei se me exiliaría a xalundes. Se non me quedase máis remedio que escoller, quizais marcharía a Islandia, pero vai tanto frío, queda tan ao norte, os días e as noites duran tanto e, por riba, é unha illa, que dubido moito de que resistise o desacougo e a morriña. Nese sentido tiro a primitiva.
Non sinalo a ninguén; se a alguén lle apetece compartir connosco os seus íntimos motivos de exilio, non se prive.

29.1.07

Vida social

O ateneo Valle Inclán non para de organizar actividades atraentes; o xoves inaugurouse a exposición de prensa e outro material antigo (cómics, novelas de vaqueiros, álbums...) que o xornalista Suso Souto coleccionou ao longo dos anos. A pesar de que, segundo el, estaba nervioso, a charla que nos regalou foi amena e fíxome pasar unha hora moi agradable; algunhas das anécdotas provocáronme gargalladas, non tanto pola graza das mesmas, senón polo xeito de contalas. En efecto, tivo que ser para el un auténtico esperpento querer recuperar un vello mapa de España feito a man que deixara en depósito nun museo (se dixo cal, non o oín) e atoparse coa desagradable sorpresa de que o director guindara con el ao lixo porque a humidade o estragara. Humidade, por certo, incapaz de ferilo durante os corenta ou cincuenta anos anteriores.
A presenza dos alcaldes do Barbanza (menos un que non puido acudir), convidados pola directiva, chamoume a atención, pero xa me vou decatando de que aquí son moi cerimoniosos e un punto máis protocolarios do que estou afeita. J.E., nun momento de charla informal (ao remate de cada acto sérvense viños e pinchos), soltoume que eu parecía de Extramundi, o que me lembrou as veces que me chamaron ET. Para a miña sorpresa, B é máis da opinión deles que da miña, o cal me deixa nunha posición un tanto estraña. Estarei errada? Terei que reflexionar.
Recordo o Val Miñor sen morriña ningunha; tanto illamento comezaba a non sentarlle ben ao meu carácter, algo tendente á melancolía. Case esquecera a miña faceta sociable, o agradable que resulta por veces relacionarse con xente, ver movemento polas rúas, saudar coñecidos, compartir risos e mágoas. Tamén hai unha parte menos positiva que non me resisto a comentar; aínda que este blog non ten repercusión nesta vila (ás veces só cómpre un elemento para que haxa perigo), abonda para cortarme á hora de falar de persoas con total liberdade. Esperemos que ese corte sexa transitorio. ;)

23.1.07

Triloxía

Rematei días atrás a triloxía de Laura Gallego Memorias de Idhún, que tantas paixóns levanta entre os adolescentes. Son tres tomos moi grosos que van desde as setecentas e pico páxinas ás novecentas e pico e nos tres sobran bastantes.
Pero vaiamos por partes. O mundo que crea a escritora resulta atraente e completo, a multitude de seres que pululan e se moven nel están ben logrados, a acción é trepidante e engancha con frecuencia. A historia amorosa entre os tres protagonistas, porén, chega a aburrir por repetitiva; nas ocasións en que se describen os sentimentos emprega case sempre as mesmas expresións, en particular ese e deixouse levar que, despois de lelo unhas vinte veces como pouco, irrita até o esgotamento. Tamén insiste moito noutras cuestións que non vou destripar, e esa insistencia cansa; xa quedaran claras antes, non cómpre volver sobre elas unha e outra vez.
Seica a autora, bastante nova, comezou a enxendrar esta historia hai máis de quince anos; escribiuna en menos de tres, e iso nótase. O estilo podía estar bastante máis puído; algúns personaxes, mellor perfilados; a sintaxe e expresión, moito máis coidadas.
Gústame que me conten historias fantásticas (que historia non o é?), pero sobre todo gústame que mas conten ben; e aínda que lin os libros en pouco tempo atrapada pola trama, percibín asemade os fallos e os chíos.

15.1.07

Actos e proxectos

Encárganme poñerlle texto a unha ilustración que aínda non me chegou, a pesar de que cómpre entregalo todo dentro de tres días. Ante a miña protesta de que non me gusta traballar contra reloxo, B retrúcame que os artistas funcionan así, que forma parte do seu xeito de ser. Será, pero... Ufff!
Tamén me fan a encarga dun conto para nenos, desta vez con máis prazo de tempo. Confeso que o primeiro intento saíu espantoso, cunha mensaxe implícita que a min mesma me anoxa. A B horrorizouno; non necesitei máis para arrombalo e poñerme de novo ao traballo.
Acudín á entrega do primeiro premio de novela curta organizado polo concello de Ribeira para coñecer a autora gañadora: Begoña Paz, unha muller encantadora que ten publicado, entre outros, un libro de relatos titulado A ferida. Espero que o concello non tarde moito en tramitar a edición desta nova obra. Mentres falo con ela cun viño na man, o alcalde cóllenos ás dúas nun aparte e entréganos unha bandexiña de Sargadelos. Todo un detalle.
Despois vou ao Ateneo Valle Inclán á presentación do libro de Diego Ameixeiras Tres segundos de memoria , á que segue a actuación do grupo musical Desafinados, que me sorprende pola excelente cantante. O local está ateigado de xente e abafo aprisionada entre B e unha muller que me apuxan sen querer cos seus cóbados; sóbrame o groso xersei e incomódame o chaquetón no colo, de xeito que a suor me escorrega lombo abaixo. A pesar de todo, percibo que Ameixeiras ten unha fermosa voz, cálida e profunda. Abráianme, por insólitas -fóra de lugar, máis ben-, algunhas intervencións de público asistente e penso, con certa maldade, que a liberdade de expresión debería usarse con máis tino; coido que a palabra precisa sería prudencia. Pero, ai!, a pobre prudencia non entra no vocabulario de determinada xente. Unha mágoa.

8.1.07

Variedades

A aldea sagrada estaba espléndida coa nova iluminación que tanta propaganda levantou; en verdade semellaba unha xoia engalanada para pracer de propios e estraños. Desde a miña (cada vez máis remota) nenez as luces de Nadal na cidade espertan en min sensacións gratas, se cadra por ser quen de converter durante unha breve tempada o cotián en extraordinario. Mágoa que os papás non puidesen admirala repetindo os paseos que deron durante máis de media vida polas mesmas rúas, xa non tan tranquilas coma outrora.
En Teucro os males da vellez tamén fincaron os seus cairos, aínda que novas vidas se desenvolven asemade. Triste consolo.
Xa en Ribeira, asistín ao verdadeiro e formal acto de inauguración do Ateneo Valle Inclán, que contou coa intervención dun afamado mago da palabra: Quico Cadaval.
Logo, en fin, unha leve pero molesta doenza tívome confinada na cama entre dores e suores. A cousa vai mellor, pero lembroume, unha vez máis, que non debo facer excesos coa miña dieta, abondo arrombada por mor das benditas festas.
Mentres, de novo Terry Pratchett, Laura Gallego (xa me tardaba comprobar por min mesma o que se di sobre ela) e Walter Moers (estupenda La ciudad de los libros soñadores) aliviaron un chisco os meus males e ateigaron o meu semisono con imaxes fantásticas, por veces delirantes, mesmo repulsivas, sempre atraentes.
Durante a fin de semana Abril rojo de Santiago Roncagliolo -lonxe, aínda que se poida pensar o contrario, da literatura fantástica- fíxome experimentar un amplo abano de sensacións, desde o noxo polo que contaba ao abraio por como o contaba.