Barallas
Teño unha pequena colección de barallas de Tarot que fun conseguindo pouco e pouco. A primeira (editada por Sargadelos-Castro) merqueina nunha librería da Aldea Sagrada hai moitos anos, pero tiña tal cantidade de cartas truculentas que metía medo mirala. Hoxe está descatalogada. Hai pouco Vizoso e Aneiros acometeron a tarefa de elaborar unha máis galega e nela atópanse naipes ben grazosos*. É divertida e distinta, pero non inspira demasiado.
De todas as que posúo, se cadra a perla sexa a de Visconti polo que me custou dar con ela e por ser a primeira da que se ten noticia. Porén, a miña preferida é a de Waite porque cada carta, incluso os arcanos menores, representa unha escena que permite deixar a renda solta á fantasía.
Rachel Pollack publicou un par de libros nos que explica o significado de cada unha introducíndonnos nas reviravoltas que conducen do consciente ao inconsciente. Afondar nese camiño supón unha tarefa persoal.
Unha variante desta baralla é a de Scapini, inspirada na anterior pero cun toque humorístico nalgúns naipes que lle restan transcendencia ao engadirlle picardía; nas cores e dourados lembra moito á
de Visconti, o que xustifica a miña primeira confusión.
Ao desatarse a febre do esoterismo saíron ao mercado unha morea de mazos diferentes, o que me obrigou a fiar miúdo para non mercar ao tolo; confeso que, de todos os xeitos, lle metín un par de boas patadas ao meu peto. Quédame o consolo de que nesta leria da investigación e do coleccionismo -como en calquera outra actividade humana- non se pode ser sublime as vintecatro horas do día.
E, como humana, teño unha querenza especial por unha carta en calquera baralla que estea: o tolo, a primeira, sen número, promesa de todo e realidade de nada, liberdade e independencia, anarquía incluso e, ¡como non!, unha certa desorde.
*Das barallas galegas non atopei enlaces.
Ningún comentario :
Publicar un comentario