A muller biónica da clase pasiva
B é un deses homes cun sentido do humor un tanto...
especial, ás veces mesmo truculento. A primeira vez que me chamou
muller biónica, a raíz da rotura
bimaleolar, estaba eu retirando por orde as miñas próteses -audífonos, lentes, muletas,
colar, etc.- con bastantes traballiños; o moi
ladino miroume con sorriso de
coello e, ¡paf!, soltoume a graza que, hei de confesar, maldita graza me fixo.
Agora encántalle chamarme
clase pasiva cando fala con alguén de problemas
laborais ou, simplemente, cando me escoita comentar algo das pensións e do goberno.
Iso si, creo que nunca lle vin tal expresión de alivio (¿ou de arroubo?) como a de hai tres días, ao aparecer eu na porta do hospital. A súa delicada aperta deu comezo ao proceso de curación.