2.12.04

De cando en vez...
levitando ...non vén mal unha alegría.

Recibo a chamada de Mo rifándome porque non saben de nós desde hai bastante tempo. Asegúrolle que nos veremos o domingo en Auria se todo vai ben. Non irei a ningunha das quedadas que se organizan aquí e acolá, na capital do reino, pois debo axudar a B a baleirar un faiado que deixará de pertencernos en breve.
En realidade eu non vou baleirar nada; máis ben acudo en calidade de chofer-dama de compañía, a pesar de que de dama non teño moito.

Onte, coma cada luns e cada mércores, tiven sesión de ioga; no local vai un frío que aterece, posturiñas malia o radiador aceso e o deshumidificador a toda potencia, así que fun preparada con dúas camisetas, un xersei e unha chaqueta, igualiño ca unha cebola. Só necesitei desprenderme da capa superior durante uns momentos, despois de que o profesor decidise poñer a proba o noso equilibrio sobre as nádegas.
Cando estamos en movemento non teño problema para saber qué cómpre facer: miro e copio; mais cando chegamos á relaxación final, tombados e cos ollos pechos, á parte de respirar como mandan as normas, debo seguir as miñas propias indicacións: as do profesor chegan a min igual cós bssbssbssbssbss que escoitaba na igrexa de cativa. As palabras perden as vogais e gran parte das consoantes polo camiño e xa desisto de indicarlle de novo ao home que se poña tras miña. Di que non importa, que me relaxe, que me centre nas distintas partes do corpo e note cómo se afrouxan.
Antes irritábame, máis ben frustrábame, ese illamento en medio da xente, pero xa non; agora déixome levar.

(A alegría contareina outro día; antes teño que dixerila para que non me dea sede).

Ningún comentario :