/* Comentarios Haloscan: eliminados */


  9.12.04                                                             


Mudar de pel
Polo xeral non nos decatamos de cándo comeza a producirse un cambio en nós, se cadra porque vivir leva bastante traballo e non estamos para mirarnos o embigo a cada momento. Pero o caso é que, un bo día, caemos na conta de que non pensamos nin actuamos como adoitabamos, de que xa non nos sobresalta o fero can do veciño ou de que até sentimos simpatía por esa señora tan túzara e rabechuda que nos cruzamos acotío.
E menos mal que ocorre iso, pois sería bastante triste arrastrar sempre as mesmas manías, permitir que nos guíe unha única teima ou considerar que a idea do mundo que tiñamos aos vinte anos serve para os corenta.
Recoñezo que me gusta mudar a pel, decatarme de que o paso o tempo me trouxo algo que necesitaba saber e, en suma, descubrir que non son un estanque, senón un regato, ás veces calmo, ás veces avolto, mais sempre en movemento.