Estupores recentes
Dúas perlas. A primeira, máis ou menos doméstica, produciuse cando abrín unha caixa de media ducida de ovos de mediana confianza e vexo que só hai cinco, un deles escachado. A teoría do encargado do súper inclínase por un fallo na máquina de envasado; a caixeira, pola contra, suxire que puido deberse á actuación de calquera cliente e fornéceme outros datos que corroboran a idea: desde atopar que o contido dunha caixa non corresponde ao que indica (máis barato) até o que se lle ocorra a unha imaxinación non demasiado delirante. De entrada abráiome, pero logo decátome de que forma parte da picaresca nacional.
A segunda chégame da man de B: a carta dun sindicato dirixida á ministra de educación asegura que a selectividade segue sendo unha peneira sen outro obxecto que impedir o acceso á universidade dos fillos dos traballadores.
Deducimos que o devandito sindicato considera os fillos dos traballadores incapaces e ignorantes, xa que a selectividade pode con todos eles, sen distinción. Confeso que tamén me perdo un chisco con iso de fillos de traballadores, pois, se fago memoria, case todos os pais dos meus compañeiros de universidade (incluída eu) pertencían ao grupo dos que tiñan que gañar o pan coa suor da súa fronte; xente excéntrica, ¿non si?
O último detalle que me parte polo eixe é a divinización do ensino universitario, coma se resultase imprescindible para realizarse na vida e progresar. Será por iso polo que hai tantos profesionais universitarios sen vocación, frustrados, atafegados e furiosos, incluso parados.
Pasaron moitos anos desde que caín do limbo ao constatar a inmensa tristura dalgúns que me confesaban as súas ansias de montar unha perruquería, un taller de automóbiles ou unha carpenta, pero víanse obrigados a comezar unha carreira superior que non os atraía só porque mamá e papá se empeñaran.
Non sigo porque sería o conto de nunca acabar e, por riba, deprímeme unha barbaridade lembrar algúns casos sangrantes.
Ningún comentario :
Publicar un comentario