Loba de mar
O meu chaquetón mariñeiro estaba tan gastadiño que me vin obrigada a desfacerme del, con gran dor de corazón, se non quería que me desen esmolas cada vez que me detiña nun recanto da rúa; así que me fun deica a Vila Real coa intención de buscarlle substituto, pois unha Peke sen esa peza multipetos non é Peke nin é nada.
Como os mariños adoitan ser homes de pelo en peito, musculosos e/ou tripóns, o principal problema constituíuno a talla, coma sempre. Na primeira tenda, unha 58 dábame un aspecto de dáaaami algo demasiado enganoso; na segunda, non había e acabamos antes; por fin, na terceira, unha amable señora (por certo, con idéntico defectiño ca min) amosoume un par de modelos e ela mesma decidiu que o máis barato dos dous me acaía ben. Mentres marcaba as mangas para acurtalas, comentou de pasada que unha amiga súa o levara, que a ela tamén lle encantaba ese estilo trapalleiro, pero que non podía vestir así cara ao público.
¡¡¿Trapalleiro?!! ¡Carafio coas novas técnicas de márketing!
Ningún comentario :
Publicar un comentario