11.12.04

Coincidencias..., se cadra
Dous ou tres días antes de atopar a Bukowski no Moucho de Auria, recibo un correo dunha editorial (mellor dito, do responsable dunha das coleccións) que me informa do seu interese por editar un libro meu. Unha nube embaza a miña natural ledicia: non levará ilustracións. corre, corre...
A novela -por chamarlle dalgún xeito a esa mestura de xéneros- carga sobre o lombo moita vida, mesmo lle encargara a este artista deseños para animala. Aceptou o proxecto e púxose a el con afán, pero outras tarefas cruzáronse no camiño e pasaron catro anos. Nada máis saudármonos na cervexaría que inspirou a obra, comunícame a súa intención de comezar de novo. ¡Chof!
Malia conservar unha mínima esperanza de que o editor volva pensar na proposta de que o libro vaia ilustrado, sospeito que se rexen por patróns tan establecidos que resultan indiscutibles e non caberá esa posibilidade. Unha mágoa, por certo; os debuxos de Bukowski fornecerían á historia outra categoría. Pero está visto que os libros ilustrados non serven para lectores maiores de quince anos (pregúntome cántos terei eu).
Á parte de que quero moito a Bukowski -que me abriu o seu corazón innumerables veces-, cóidoo un artistazo dos pés á cabeza, e desexo máis ca nada no mundo embarcármonos xuntos nun proxecto; máis tarde ou máis cedo lograremos levalo a bo porto.

Ningún comentario :