7.12.04

Fogar, doce fogar
Non lembraba o frío intenso que pode mergullar Auria; chegamos dous días despois de que comezara e aínda sinto cómo me percorren as costas ondas e ondas de xeados arreguizos abríndose paso até o miolo dos ósos. Coido que os aurienses están modificados xeneticamente para resistilo sen caer aterecidos no medio e medio da rúa.
Non cansei de bicar facianas conxeladas e sorrintes, abrazar corpos embutidos en grosos abrigos e comentar con todos que aquilo era inhumano. A iluminación do Nadal lucía en papás Noel, zorras arrastradas por renos, velas e bólas de colores e non sei cántas formas máis que me lembraban os tempos en que me divertía mirar escaparates, ir de compras e pasear ben protexida con luvas, bufanda, gorro e un mesto chaquetón agora superfluos.
Cando viviamos alí, fartabámonos de comentar que Auria non pertencía a Galicia por ese clima continental que converte os invernos en aprendices de Islandia e os veráns, en parentes do deserto; durante estes días comprobamos que as lembranzas temperaran a crueza dos extremos.
No Moucho, a mellor cervexaría da cidade, eterno lugar de encontro, estiven con Bukowski e cun cento máis de coñecidos, amigos e antigos alumnos que conseguiron borrar por unhas horas os tres últimos anos afastada de alí.
Volvín co corazón quente; o resto do corpo aínda tardará en recuperar a temperatura habitual.

Ningún comentario :