Viaxeiros en tránsito
Algo máis apampada do habitual, por mor dun medicamento que me receitaron para as tripas, observo o lento avance da noitiña e penso con abraio o xa clásico un ano máis; ¡que axiña pasou!, case coma se fose a primeira vez que sentise esa especie de morriña esperanzada.
Lembro á perfección o tránsito de 1963 a 1964 -era moi cativa, pero gardo memorias moi vellas- porque me deu por cavilar no ano 2000; ¿cantos anos tería?, ¿como sería?, ¿en que me convertería? Ás dúas últimas non puiden responder, mais á primeira fíxeno cun ¡que maiooooor! alucinado.
Cando 2000 chegou, rinme un bo cacho daquela nena, pois non me notaba maior en absoluto, máis ben víame coma unha folerpa de neve caendo maina e con moito treito aínda por percorrer. Ás portas de 2005 véxome, porén, coma un foguete que sobe á cámara lenta cara ao alto, ascendendo sen pausa, sempre ascendendo.
O meu desexo para o ano que comeza é que todos os viaxeiros en tránsito atinen coa plataforma axeitada para coller ese tren voador.
Ningún comentario :
Publicar un comentario