22.2.05

Balances

Primeira parte
Escangallóuseme un rodete da impresora (bastante arcaica, polo que acabo de descubrir) e dinme na tenda que non compensa arranxala. Pois que ben.
A funcionaria da recadación municipal negouse a agardar un minuto a que o meu amigo M sacase cartos do caixeiro para pagar un recibo meu, necesario para vender ou dar de baixa o coche; pechoulle o portelo nos fociños porque xa era a unha. A iso chámaselle colaboración, si señora.
Unha amable señorita telefona do banco para informar de algo; pregunta por B; como non está, suxírolle que mo explique. Prefire volver intentalo cando el regrese. ¡Estupendo! Nin tempo me deu a dicirlle (quizais fose o mellor) que nesta sociedade os bens son gananciais.
Convídanme a participar nunha mesa redonda sobre a muller traballadora sen máis datos; procuro aclarar o tema concreto, mais a única resposta que obteño é: ti vai. A min, ¡que lle imos facer!, non me gusta improvisar máis ca en privado e a porta pechada. Ademais, xa non pertenzo á clase activa.

Segunda parte
Mañá fará un ano que comecei a escribir neste caderno (a presentación oficial foi algo posterior) sen saber moi ben por onde irían os tiros, animada polo inesgotable Cesare e a súa incombustible querenza cara a min. Non sinto esa ledicia unha miga tola que me enche cando chega o meu aniversario, pero estou contenta. Atopei un mundo ignoto con milleiros de cousas boas e unhas cantas non tanto, estreitei lazos que se semellan moito á amizade -ou sono- e descubrín a enorme gama de posibilidades que estes trebellos ofrecen. Pero sobre todo achei un afán colaborador e didáctico por parte dalgúns -en principio- descoñecidos que rebordou calquera expectativa (se a houbese). Imposible citar todo o que aprendín ao longo deste ano, nomear os blos que me interesaron e interesan ou as actividades que xurdiron a partir dos intercambios de opinión; aínda máis imposible explicar sentimentos provocados pola lectura dalgúns posts e a estraña rede de afectos que se me foi creando cos autores.
A pesar de que camiño menos tempo cada día, de que non tomo o aire tanto coma antes, de que por veces me meto en discusións baldías e de que incluso meto a pata con matemática frecuencia, foi e é unha boa experiencia. Así que, se mo permiten, felicítome a min mesma por aceptar a idea e dou as grazas a todos os invisibles que andan por aí. ¡Que dure!

Ningún comentario :