21.2.05

Soidade


Paso bastante tempo en soidade e gústame pola cantidade de ocasións que me fornece de observar sen présa, cavilar sobre o que sucede e saborear a calma, acotío aparente, desta parte do mundo.
Sei que, se gozo dela, se debe ao lento proceso de aceptarme a min mesma e acabar por comprender que, á fin, non resultei tan mala compañía. Tamén me decato de que cómpre falar con outros de cando en vez, escoitalos e saber como pensan e senten. O bo da miña situación actual é a posibilidade de decidir cando e como podo relacionarme, sen experimentar o peso desa obriga que traen as circunstancias.
Decote me abafaron até romperme por dentro as obrigas excesivas, esas que unha non escolle nin está disposición de asumir mais non lle queda outro remedio que facelo. Cando lembro momentos así, volvo notar a angustia de atoparme no sitio trabucado e o desexo entolecido de fuxir. ¡Ah! A fuxida; ¿onde quedou esa necesidade xamais cumprida, esa ansia desbocada de estar xalundes? Por fortuna, hai tempo que non me visita, tanto que algunha vez me acode á cabeza, case sempre unida a unhas caras e a unha situación concreta que me atafegaban. O pracer é infinito cando sacudo a man e me digo: iso quedou atrás.

Fotografía: Tina Modotti.

Ningún comentario :