26.2.05

Terceira cousa: a estilográfica

Veño dunha estirpe co prestixio que dá ser a primeira casa en construírnos; teño, pois, nome e apelido coñecidos a fartar. Por capricho do destino fun caer nas gadoupas -que non mans- máis torpes do Universo, incapaces de tratarme coa delicadeza esixida a un instrumento tan fino coma min. De xeito inopinado, nunha pausa no laborioso riscar, mentres intento tomar o aire que os dedos ao premerme me furtaron, zarandéanme a traizón obrigándome a trousar a metade da tinta entre mareos e arrepíos de verdadeiro espanto. Non se decata se caín ao chan ou me atopo en perigo de caer; corro riscos continuos de acabar tragada polo aspirador ou -peor aínda- tripada por enormes zapatóns. O dono desas mans é tan chambón, tan brután, que me esgallou a plumiña catro veces, rachoume a carapucha en dúas ocasións, polo van tronzoume un día de excitación febril e tenme o corpo todo rabuñado coma se o gato me usase de pedra de amolar.
Doce viaxes fixen xa á clínica suíza encargada de devolvernos a saúde; alí, entre algodóns, manexada por dedos amorosos, recupero a forma perdida, o amor propio, iso que agora chaman autoestima. Na mesa onde me opera espállanse lacas, baños de vapor, utensilios cativos expertos en cóxegas amables... O home que me arranxa sabe tratarme cos aloumiños e a firmeza xustos, nunca me manca.¡Gustaríame tanto ficar aquí e escribir só para el!

Ningún comentario :