17.2.05
Corpo
Un dos aspectos positivos de practicar ioga é que nos fai máis conscientes do corpo, até o punto de descubrirnos músculos cuxa existencia ignorabamos e revelarnos o mal que respiramos acotío.
O profesor, pequenote, peludo e indeciso á hora de escoller unha postura, insiste moito en que non forcemos, que vaiamos pouco e pouco e que cada un chegue até onde poida sen fixarse nos demais. A min, que son flexible case coma unha contorsionista, corríxeme os excesos inconscientes cun semisorriso difícil de interpretar.
Esta semana trasladámonos ao pavillón, pois no local onde adoitabamos practicar vai demasiado frío; agora, grazas a un teito máis baixo, a calor non foxe e podemos concentrarnos mellor en respirar polo abdome, manter a postura, activar as coxas e chantar mans e pés con firmeza no chan, todo ao mesmo tempo. Imposible pensar asemade no obreiro que non apareceu a pesar de xurar que viría, no cabreo provocado polos amables funcionarios locais ou na maldita billa da bañeira que se estragou outra vez. A mente vese incapaz de abranguer tanto.
Se cadra acho de menos unha relaxación final máis dirixida, aínda que non me chegasen todas as palabras; coa liberdade que nos dá para percorrer o corpo e soltalo, para observar como se espalla a distensión, corremos o risco de centrarnos nun xeonllo cando deberiamos ter chegado xa ás meixelas.
Sospeito que, dalgún xeito, consegue o esperable: que saiamos do recinto sentindo que a calma navega indolente polo noso corpo.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario