16.4.05
Diversidade
De cando en vez lembro un vello telefilme dunha serie titulada La cuarta dimensión que poñían na tele en branco e negro de finais dos sesenta. Por obra do desexo do protagonista -un rosmón impenitente que só sabía fungar para dirixirse aos demais-, todas as persoas coas que se cruza son coma el: homes, mulleres e nenos amosan os seus trazos físicos e de carácter. Decátase, entón, do ríspeto que é e prométese a si mesmo cambiar por completo se o mundo volve ser coma antes da súa irresponsable petición. Por sorte para el, o tempo recúa e el cumpre a súa promesa.
Ignoro como me deixaban ver aquela serie porque os episodios producían en min un estraño desacougo, coma se puxesen en dúbida a seguridade do mundo cotián e todo, incluso o máis inverosímil, fose posible. Escuso dicir que impresionaba en grande maneira a miña mente infantil, daquela bastante ocupada en situarme no contorno.
Tamén lembro as sensacións e o nerviosismo cos que contemplei o telefilme: primeiro o contentamento do home ao ver cumprido o seu desexo, a progresiva perda de entusiasmo ao topar deseguido con malos modos e peores caras e, á fin, o recoñecemento contundente do seu erro e da súa propia esencia.
Foi unha das primeiras leccións que recibín sobre a marabilla da diversidade e dos puntos de vista con que se contempla a vida, e aínda hoxe non a esquecín.
¿Por que me veu á cabeza? ¡Quen sabe...!
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario