26.4.05
Ánimos
Recuperada case por completo da operación, miña nai goza de ánimos abondos que a levan a pintar de novo tras unha paréntese de apatía. Agora anda cun lenzo no que plasma lembranzas da súa nenez valenciana, con engadidos que o tempo foi inventando. A familia anda revolta pola palabra cancro, mais a ela preocúpana máis outros males que padece, pois non a deixan moverse ao ritmo do seu espírito inquedo. Á tardiña, como levan facendo desde que teño memoria, saen dar un paseo cada vez máis curto, van á cafetería do barrio para ler a prensa local e volven á casa collidos do brazo e apoiados en cadanseu caxato, abraiados quizais do rápido que transcorre a vida. Meu pai ás veces esquece como se fai o no da gravata, pero xa vai aprendendo a tomalo con filosofía e rir de si mesmo. Polo momento seguen aí.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario