O libreiro de Vila Real conségueme por fin un libro de Chesterton pedido no mes de xuño noutra librería; el solucionouno en dous meses, aínda que a distribuidora está na veciña cidade. Isto de encargar os libros ten o seu aquel, pérdese a maxia de remexer entre os andeis e botar ¡ohs! de sorpresa ao atopar un tesouro longamente desexado -ou inesperado-, pero gáñase en paciencia e saber agardar. Conségueme tamén senllas policíacas de dous autores que sigo desde hai anos, non só porque me entreteñen senón tamén porque me serven para aprender pulso narrativo, mal que lles pese a certos puristas. Nin Mankell nin Leon son autores menores nestas batallas de escritura e plasman con xusteza uns mundos remotos deste mais próximos por obra e graza das palabras.
Váiseme acumulando a morea de libros sen ler, de xeito que reborda o metro de andel que lles teño reservado.
O libreiro é un home repoludo e afable ao que lle pido, sen moito éxito, que non me trate de vostede; depois de tres anos coido que as cerimonias están de máis e incomódame ese trato, quizais porque me fai sentir maior do que son. Á fin de contas, coñece parte dos meus vicios, o que crea un vencello abondo íntimo entre nós.
Ningún comentario :
Publicar un comentario