7.4.05

Obras


As obras da casa do lado están comezando a fartarme; entre os ruídos de camións e maquinaria diversa, as peticións constantes de que lles permita usar o meu patio para pasar material de xeito máis doado e o par de desfeitas que xa levan causado (e amañado, ¡madía leva!) paréceme a min que non tardarei moito en dicir ¡até aquí chegamos!
O dono da propiedade, grande e cun bandullo como nunca vira, foi quen construíu todas estas casas de tellados de lousa; seica ten tantos cartos que podería dar de comer e de beber sen problemas aos cidadáns dun país non demasiado pequeno. A raíz do primeiro estrago escoiteino dicir sen alterarse, coma se fose o máis normal do mundo, que a rampla en cuestión -por onde pasamos co coche- non estaba ben rematada. ¿En que quedamos? ¿Fixéchela mal á mantenta? ¡En fin!
Os dous obreiros que cargan co peso do traballo non paran en todo o día, baixo atenta ollada do xefe, e B non resistiu a tentación de alcumalos como Pepe Gotera e Otilio á vista da evidente semellanza. Aínda que carezo por completo de tendencias rexoubeiras, de cando en vez axexo desde o meu impagable observatorio para observar xestos, movementos, actitudes e xeitos de traballar. Unha escritora que se prece debe documentarse e coller apuntamentos do natural. Case sempre resulta divertido.

Ningún comentario :