9.4.05

O encontro con Ítaca

Refírome, como é de supoñer, á Ítaca de Paleón, con quen non quedei por preferir B un primeiro contacto sen influenzas nativas; tempo haberá en próximas visitas para coñecer en persoa un dos blogueiros máis encantadores do blogmillo e arredores.
Como sopraba un nordés do demo, estiven a piques de saír voando en tres ocasións, mais a metade de catedral aferroume moi forte e non houbo que lamentar danos persoais; zona máis batida ca esta e menos protexida, promete ventos frecuentes e treboadas espectaculares, sen o abeiro de cordais que freen o embate da Natureza. O porto, un dos maiores e con máis movemento de Galicia, foi o noso primeiro destino -como non podía ser menos- e confeso que ollei con desacougo o revoar de tantas e tantas gaivotas sobre as nosas cabezas, pois non levabamos nin impermeable nin paraugas. Tivemos máis sorte có coche e saímos indemnes da aventura; el, por desgraza, volveu cunha capa branca irregular con reberetes de encaixe orgánico; mañá terei que darlle uns mangueirazos para que recupere a cor verde orixinal.
O instituto está nun outeiro desde o que se divisa a vila, a ría e moito, moito máis, o que fai supoñer unhas aulas luminosas desde as que gozar das vistas ignorando sen disimulo a función das mesmas e as principais tarefas dos ocupantes. Por certo, xusto debaixo del véndese unha casa con horta por un prezo que, en principio, me pareceu excesivo, pero nunca se sabe as voltas que dá a vida.
En fin, que volvemos contentos, ilusionados e convencidos de que será un lindo lugar para vivir. Que así sexa.

Ningún comentario :