17.4.05

Fotos


Estou encantada coa miña cámara, tanto que a levo nun peto a todas as partes e mantéñoa ben á vista na casa por se xorde algo retratable. Esa da esquerda coidei que non sairía e fun a primeira sorprendida cando a vin. Son os piñeiros malditos que lle poñen perdida a propiedade ao veciño, pero o dono da leira négase a moverse para solucionar o problema. Para nós son motivo de pracer case a diario, cando os esquíos deciden corricar por eles tan preto da casa. O espectáculo da súas acrobacias alegra o corazón e quenta a alma. Mágoa que nunca me dan tempo de desenfundar: cando preparo a máquina xa fuxiron coma lebres.

A outra é unha mostra de canto cambian as pólas da cerdeira de día en día. Dentro duns meses comprobaremos o gordos que se poñen os paxaros petiscando nos froitos que nós nunca chegamos a catar: eles son moito máis rápidos.

É curioso que me guste fotografar o grande e o pequeno, panoramas e detalles ás veces tan ínfimos que poden pasar desapercibidos. As flores en particular marabíllanme pola enorme variedade de formas e colores, coma se o nome xenérico de flor lles quedase cativo en exceso.
Desde que a merquei decátome do moito que botaba de menos facer fotografías. A réflex, por desgraza, pesábame demasiado para levala de paseo e aí está, metida na súa bolsa cos obxectivos e filtros.

Ningún comentario :