Gustaríame dicirlle que poña os ollos noutro home, que ese que a atrae está ocupado, que o deixe en paz. Pero suponse que son unha muller moderna que respecta a liberdade.
Gustaríame chamarlle catro cousas sonoras, explicarlle que o que fai é un xogo perigoso, que non lle envíe máis correos incendiados porque sería capaz de arrincarlle os ollos. Pero suponse que son unha muller moderna que respecta a liberdade.
Gustaríame presentarme no seu lugar de traballo e armarlle unha ben armada, como facían as actrices italianas nos filmes dos sesenta; cruzarlle a cara cunha ollada de desprezo ou de rabia ou de carraxe; berrarlle a miña xenreira con contundencia inapelable. Pero, como se supón que son unha muller moderna que respecta a liberdade, amólome e mordo as unllas en silencio.
Ningún comentario :
Publicar un comentario