15.4.05
Personaxes
Teño comentado algunha vez que non son das que escriben sabendo o que vai acontecer; unha idea vaga axítame e rebole durante meses, anos incluso, até que experimento a necesidade de poñerme con ela, explorala e deixarme levar. Non carece de inconvenientes este sistema, claro, coma cando saen personaxes mesmo de debaixo das pedras e atópome cunha morea de xente que non fai máis que armar barullo. Chegados a ese punto, véxome no dilema de matar algún, borralo do panorama ou fundilo con outro. Tamén ocorre o caso contrario: un personaxe en principio cativo medra e medra até constituírse nun dos protagonistas principais.
Temas que non ía tratar métense no medio e non me queda outra que traelos a colación, se non quero que a cousa se revire.
É certo que ás veces os personaxes se rebelan, teiman en non ir por onde ti queres e os moi fillos de súa nai non se deixan mangonear máis ca se a eles lles convén; resulta interesante observar as conversas que manteñen e nas que te obrigan a inmiscirte para coñecer a túa opinión. Iso cando cha piden, porque con frecuencia te ignoran igual ca se foses transparente.
Varias veces soñei que paría... un libro. A primeira, era moi noviña, case nin chegaba a adolescente, e impresionárame moito contemplar aquel parto, en certo modo decepcionante. As seguintes coincidiron con publicacións reais e xa non me colleron por sorpresa. Agora ando preñada dun que promete ir para longo. Veremos canto de lerchos se me poñen os personaxes.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario