20.4.05
Esperanza
Volvo de clase de ioga relaxada e contenta a partes iguais; o primeiro, pola propia práctica, que alivia tensións malia que me doian algúns músculos un chisco; o segundo, pola constatación de que, cando alguén ten un problema, case sempre atopará arredor persoas dispostas a axudar. E, a muller toca da que falei ao principio dos tempos, padece unha ansiedade que non semella mellorar con nada; axiña varias compañeiras buscan solucións e, sobre todo, ofrécenlle a súa compañía para o que precise.
E está xubilada; hai seis anos separouse do home e aínda non saíu desa merda, como di ela. Quere pasar páxina mais ese floco permanece aí facéndoa sufrir, segundo uns ciclos que nin ela mesma comprende. Imaxino por un intre a situación e antóllaseme moi dura; o problema non o pode solucionar ninguén máis ca ela. O meu gran de area é prestarlle un libro de exercicios de relaxación que me leva acompañando desde hai anos e me axudou a erguer a cabeza máis de dúas veces. Parece incrible que algo tan sinxelo posúa tal poder; pero hai que saber, claro, porque aquel que non sabe é coma o que non ve.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario