1.4.05

Calor e suores

Creo que vai sendo hora de cambiar o edredón groso por un cobertor lixeiro; o pixama, por unha camiseta XL, e os xerseis, por camisas liviás; tampouco estaría de máis arrombar pantalóns e carpíns e pasar directamente a saias e sandalias. Escorrégame a suor lombo abaixo mentres fago os recados e teño que enxugar as pingas que me embazan os lentes coma se estivese traballando na obra do lado.

O cheiro a primavera éncheo todo; o pole, en doas de rosario, esvara polo aire provocándome restras de esbirros que me fan chorar, e o estoupido imparable da cerdeira troca o escenario de día en día, de xeito que o que ves á noitiña desaparece á mañá coma se nunca tivese existido.
Mañá iremos á aldea sagrada visitar a parte menos barulleira da familia, un chisco vida a menos por mor da idade e os achaques. O luns operarán a miña nai. Que todo saia ben.

Ningún comentario :