A B sobrevéñenlle ciclicamente ganas de cambiar de profesión, cousa que comprendo porque a min tamén me acontecía, se cadra en menor medida, pero aí estaban. Imaxinar por un intre que vas facer o mesmo durante corenta anos mete medo no corpo, a menos que o que fas sexa tan satisfactorio coma para ocuparche a mente durante vinte horas ao día (ou case).
Agora estamos nunha desas fases; é probable que todo quede en auga chirla mais nunca se sabe. Os desexos dese tipo non poden nin deben deixarse pasar coma se carecesen de importancia porque a teñen, e moita. Polo momento estamos á espera de non se sabe que, quizais a que se definan ou esvaian. Iso de que a vida está feita cando chegas a determinada idade é puro conto, máis ben contos de vellas que hoxe por hoxe semellan fábulas para durmir cativos. Eu amareino de profesor, de camareiro ou de pirata, só porque é el e tanto me ten a que se dedique (mentres me dea aloumiños).
Ningún comentario :
Publicar un comentario