Desde que teño casa propia xamais comezo un ano sen flores; adoitaba mercalas a véspera para recibir xaneiro

Este ano modifiquei un chisco a tradición, pois varias plantas estaban xa acuguladas de cor.
As violetas africanas reloucan na súa cesta máis louzás ca nunca, se cadra porque por fin caín da burra e non as afogo en auga coma outrora.
A schlumbergera truncata -tamén chamada zygocactus truncatus- está literalmente preñadiña até os topes, bastante máis do que se ve na foto, para ledicia de propios e estraños.

Tamén as azaleas saben portarse; unha está cheíña de abrochos que non tardarán en abrir e a outra -máis nova-, cuberta de algodón rosa que promete prolongarse durante unha boa tempada.

E así, co ánimo acougado, o espírito sereno e un chisco apampada polo que semella unha catarreira incipiente, comezo este 2005 a quen teño pensado obrigar a ser excelente.
Ningún comentario :
Publicar un comentario