31.3.05
Onte
Baixaba eu pola estradiña do monte con destino á clase de ioga cando se me cruzou no camiño un esquío; detiven o coche para velo de preto e comprobar esa cacarexada axilidade que os caracteriza; o compañeiro, parella ou amiguete animouse tamén a cruzar en vista de que non había perigo: olleino agatuñar a dous metros de min e pararse no cume dun muro para devolverme a mirada e permitirme contemplalo a gusto. Logo proseguiron a súa carreira acacia arriba e perdéronse entre as pólas deixándome unha caloriña interior que me puxo nos beizos un sorriso do máis parvelo. Acababan de engadirlle ao día un misterio especial. ¿Por que me sentín tan ben despois deste episodio?
A sesión de ioga non foi suave para min porque estaba moi cansa; tanto, que non facía máis que devecer pola relaxación final para calmar varias dores detectadas polo fisio. En fin.
Agardamos até as doce coma campións para mirar isto. Por fin saíron os traslados e déronlle a B o que quería; o mellor, sen dúbida, é saber que imos vivir nun lugar escolleito por nós, non produto do azar; tamén, que rematou a tensión dos últimos veráns, pendentes de listaxes e comisións de servizos salvaxes. E máis cousas que non veñen ao caso.
Agora B atópase co corazón dividido: ilusión polo que está por vir e tristura polo que deixa atrás. Así é a vida.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario