Tanto a schulumbergera truncata coma a schulumbergera gaertneri continúan dando flores sen descanso. Creo que acoplaron os seus ritmos e funcionan ao unísono, para o meu pracer. Comezaron en novembro e aínda proseguen alegrándome o salón, o que non deixa de abraiarme.
Atraveso unha desas fases que eu denomino moucho e que na miña nenez os adultos liquidaban cun cocón algo apesarado, se cadra porque desexaban criaturas sociables e faladoras ao cento por cento. Intúo que é a reacción natural a tantas emocións da semana pasada.
Pola contra, B anda nun período en extremo afable que o leva de acá para alá con amigos que saen até de debaixo das pedras; mentres eles gozan da súa sociabilidade eu comprázome na miña soidade até que me volvan as ganas de compañía.
De máis nova desconcertábame esta flutuación, pero tiven tempo e tempo de afacerme a ela e acéptoa encantada da vida, se cadra porque hai cousas que non se poden cambiar por moito que unha queira. Son os ritmos naturais de cadaquén. Arestora ocórreme que, perante alguén, as palabras néganse a saír, coma se non tivese nada que comentar ou opinar; forzar o inevitable non conduciría máis ca á artificialidade e coido que, aínda que mo propuxese, non sabería ser artificial. Mais iso non implica que non me bulan pensamentos nin procese informacións, actividades imparables deste meu cerebro. Supoño que dentro dun días volverei ser a outra.
Entrementres constato que as dúas teñen algunhas cousas en común; a principal, quizais, é a capacidade de indignarse ante anuncios e comentarios mentireiros, desculpas de mal pagador e manipulacións informativas. ¡Uf! ¿Tan difícil é dar noticias sen interpretalas segundo conveñan?
Ningún comentario :
Publicar un comentario