28.2.05

Ires e vires


Doulle voltas á historia da pantasma sen decidirme polo ton que mellor lle pode acaer. Como me encanta a mestizaxe, emprego elementos en principio dispares, capaces de levarme moi lonxe ou, pola contra, a ningures; imposible sabelo a priori.
Poucas veces teño unha idea clara do que vou contar; con frecuencia non pasa dun leve e inconcreto desacougo que me vai roendo por dentro até que estoupan as ganas de indagar de qué se trata. O tempo de incubación oscila; tanto poden ser unhas semanas coma varios meses, durante os cales se produce a transformación da rocha bruta en croios que, se todo vai ben, se desfarán en areas miúdas sen que eu comprenda moi ben o proceso. Quizais comprendelo sexa o de menos -a pesar de intrigarme moitísimo- e o de máis, experimentalo.

Hai uns anos desesperábame a aparente inmobilidade na que caía porque a temía permanente; despois de varias veces, aceptei ese desconcertante funcionamento que me arrandeaba da alegría tola da redacción fluída á calma podre de golpe e sen previo aviso. Entón, durante días, atenazábame o medo."¿E se isto rematou, e se non hai máis?" preguntáballe a B presa de temor-pánico. El, moi tranquilo, ollábame sereno mentres soltaba "sempre che pasa o mesmo, muller; xa volverá".
Ignoro como o sabía, pero sabíao.
Agora que lle collín o tranganillo, non forzo a marcha, limítome a agardar. Confío en que nos recunchos do cerebro se estea cociñando a lume manso parte do estufado. E non acepta que lle metan présa.

26.2.05

Terceira cousa: a estilográfica

Veño dunha estirpe co prestixio que dá ser a primeira casa en construírnos; teño, pois, nome e apelido coñecidos a fartar. Por capricho do destino fun caer nas gadoupas -que non mans- máis torpes do Universo, incapaces de tratarme coa delicadeza esixida a un instrumento tan fino coma min. De xeito inopinado, nunha pausa no laborioso riscar, mentres intento tomar o aire que os dedos ao premerme me furtaron, zarandéanme a traizón obrigándome a trousar a metade da tinta entre mareos e arrepíos de verdadeiro espanto. Non se decata se caín ao chan ou me atopo en perigo de caer; corro riscos continuos de acabar tragada polo aspirador ou -peor aínda- tripada por enormes zapatóns. O dono desas mans é tan chambón, tan brután, que me esgallou a plumiña catro veces, rachoume a carapucha en dúas ocasións, polo van tronzoume un día de excitación febril e tenme o corpo todo rabuñado coma se o gato me usase de pedra de amolar.
Doce viaxes fixen xa á clínica suíza encargada de devolvernos a saúde; alí, entre algodóns, manexada por dedos amorosos, recupero a forma perdida, o amor propio, iso que agora chaman autoestima. Na mesa onde me opera espállanse lacas, baños de vapor, utensilios cativos expertos en cóxegas amables... O home que me arranxa sabe tratarme cos aloumiños e a firmeza xustos, nunca me manca.¡Gustaríame tanto ficar aquí e escribir só para el!

25.2.05

O que non contei onte


Na xuntanza de onte eu era a máis nova dos presentes e a única que falaba galego (ollo, non a única galegofalante). A promotora da idea, unha muller da zona que escribe poesía e pertence a unha asociación centenaria de escritores e artistas, comentaba o seu desexo de que ese taller literario chegase un día a converterse en asociación -aí empecei a alarmarme; carezo por completo de necesidade gregaria-; en canto dixo que se podía escribir en galego porque había que defender o da nosa región, a algúns escapáronselles varios brrr con sacudida de cabeza incluída e a outros, elocuentes e mudos acenos de rexeitamento. A min o da región retrotraeume ao século XIX con Manuel Murguía á cabeza e provocoume un leve arrepío; a reacción máis clara dos asistentes (ah, no, en gallego, no; yo en castellano), tamén.

Antes de chegar me ipso descubrín que todos eran galegos, da propia vila ou arredores; como moi lonxe, da cidade prehistórica. ¡Velaí a explicación de acenos e rexeitamentos! Debín de ter caído decontado.
Se ese ambiente non abondase para espertar en min a famosa e desacougante pregunta (¿que raios fago eu aquí?), logo pasou o que pasou. O devandito me ipso padecía case todos os males dos militantes de calquera partido gañador -á parte dos particulares-, manifestados en comparanzas desafortunadas, estereotipos máis ca rancios do inimigo e explotación do éxito.
Decateime de que pertencemos a mundos distintos, de que non procedía dar unha clase de historia nin de lingüística e de que xa non teño paciencia para escoitar estupideces nin para rebatelas. Que cadaquén se sublime como mellor lle praza, pero que non conten comigo como membro da claque; moléstame moitísimo o ruído dos aplausos.

24.2.05

Darlles sebo ás canelas

Des que chegou un dos participantes no presunto taller -eu chamaríalle con máis propiedade faladoiro-, o tema que motivara a xuntanza desapareceu de escena e centrouse nel. Loitador contra o franquismo, articulista, experto en historia e arte, conselleiro de todas as figuras importantes da veciña cidade, íntimo de canto nome coñecido lle saía pola boca, excelente cantante...; en fin. Había tempo que non me atopaba un caso tan puro de pedante irredento que se adora a si mesmo sen ningún disimulo.
Comecei a anoxarme á primeira barbaridade (esa cidade ten unha historia antiquíiiiiiiisima -insinuou que prehistórica-); ao escoitar a segunda (Viriato e Xulio César estiveron cara a cara -intúo que no alén-), xa me picaba o nariz; ante a terceira (o "emperador" Xulio César -os idus de marzo, unha anécdota sen importancia-), ardíanme as orellas. Cando ía pola cuarta, erguinme e marchei, feliz por non terme deixado levar pola mal entendida boa educación.
Unha hora antes asistira a unha charla sobre Alimentación e nutrición que non me achegou nada que ignorase; escoitei o resumo da enfermeira -nerviosa, a pobre- con interese, aínda que falaba coma un foguete, pero non resistín as preguntas do público, ávido por comentar o seu caso particular, concreto, detallado, con pelos e sinais....
Deilles sebo ás canelas dúas veces na mesma tarde. Dentro de nada poderei correr en calquera maratón.

(A persoa que pretendía enredarme acaba de telefonar para saber se sobrevivín. Tranquiliceina).

Enredos

Hoxe acudirei a unha reunión dun grupo de persoas que queren poñer a andar un taller literario, non sei se de escritura activa ou de comentarios de libros. Teño a sospeita de que quen me enredou pretende facer de min a guía e orientadora, papel que me atrae e repele a partes iguais, pois sería como volver á docencia pero sen os seus inconvenientes. Conto con material abondo para levalo adiante, así como con desexos de compartir, pero ignoro se as ganas e a saúde responderán. B anímame, claro; está empeñado en que saia do tobo e me relacione, en que semente o que el chama os meus saberes. Non sei por que, a miña reacción roza a timidez.
Será cuestión de ver como se desenvolve a xuntanza e observar a xente que quere participar, pois nestes casos a primeira impresión é importante para decidir. Supoño que acaberei picando. Á fin de contas sempre fun unha muller fácil.

22.2.05

Balances

Primeira parte
Escangallóuseme un rodete da impresora (bastante arcaica, polo que acabo de descubrir) e dinme na tenda que non compensa arranxala. Pois que ben.
A funcionaria da recadación municipal negouse a agardar un minuto a que o meu amigo M sacase cartos do caixeiro para pagar un recibo meu, necesario para vender ou dar de baixa o coche; pechoulle o portelo nos fociños porque xa era a unha. A iso chámaselle colaboración, si señora.
Unha amable señorita telefona do banco para informar de algo; pregunta por B; como non está, suxírolle que mo explique. Prefire volver intentalo cando el regrese. ¡Estupendo! Nin tempo me deu a dicirlle (quizais fose o mellor) que nesta sociedade os bens son gananciais.
Convídanme a participar nunha mesa redonda sobre a muller traballadora sen máis datos; procuro aclarar o tema concreto, mais a única resposta que obteño é: ti vai. A min, ¡que lle imos facer!, non me gusta improvisar máis ca en privado e a porta pechada. Ademais, xa non pertenzo á clase activa.

Segunda parte
Mañá fará un ano que comecei a escribir neste caderno (a presentación oficial foi algo posterior) sen saber moi ben por onde irían os tiros, animada polo inesgotable Cesare e a súa incombustible querenza cara a min. Non sinto esa ledicia unha miga tola que me enche cando chega o meu aniversario, pero estou contenta. Atopei un mundo ignoto con milleiros de cousas boas e unhas cantas non tanto, estreitei lazos que se semellan moito á amizade -ou sono- e descubrín a enorme gama de posibilidades que estes trebellos ofrecen. Pero sobre todo achei un afán colaborador e didáctico por parte dalgúns -en principio- descoñecidos que rebordou calquera expectativa (se a houbese). Imposible citar todo o que aprendín ao longo deste ano, nomear os blos que me interesaron e interesan ou as actividades que xurdiron a partir dos intercambios de opinión; aínda máis imposible explicar sentimentos provocados pola lectura dalgúns posts e a estraña rede de afectos que se me foi creando cos autores.
A pesar de que camiño menos tempo cada día, de que non tomo o aire tanto coma antes, de que por veces me meto en discusións baldías e de que incluso meto a pata con matemática frecuencia, foi e é unha boa experiencia. Así que, se mo permiten, felicítome a min mesma por aceptar a idea e dou as grazas a todos os invisibles que andan por aí. ¡Que dure!

21.2.05

Soidade


Paso bastante tempo en soidade e gústame pola cantidade de ocasións que me fornece de observar sen présa, cavilar sobre o que sucede e saborear a calma, acotío aparente, desta parte do mundo.
Sei que, se gozo dela, se debe ao lento proceso de aceptarme a min mesma e acabar por comprender que, á fin, non resultei tan mala compañía. Tamén me decato de que cómpre falar con outros de cando en vez, escoitalos e saber como pensan e senten. O bo da miña situación actual é a posibilidade de decidir cando e como podo relacionarme, sen experimentar o peso desa obriga que traen as circunstancias.
Decote me abafaron até romperme por dentro as obrigas excesivas, esas que unha non escolle nin está disposición de asumir mais non lle queda outro remedio que facelo. Cando lembro momentos así, volvo notar a angustia de atoparme no sitio trabucado e o desexo entolecido de fuxir. ¡Ah! A fuxida; ¿onde quedou esa necesidade xamais cumprida, esa ansia desbocada de estar xalundes? Por fortuna, hai tempo que non me visita, tanto que algunha vez me acode á cabeza, case sempre unida a unhas caras e a unha situación concreta que me atafegaban. O pracer é infinito cando sacudo a man e me digo: iso quedou atrás.

Fotografía: Tina Modotti.

19.2.05

Segunda cousa: a política

Nacín hai moitos séculos co fin de poñer un pouco de orde na convivencia humana. Catro cousas debían quedar claras: o benestar social, a colaboración entre as partes implicadas, o diálogo sensato e repousado e o intercambio de ideas. Semellaba sinxelo.
¿Por que, entón, me sinto tan aldraxada?; ¿por que o meu nome soa a obscenidade?; ¿como puido devir a miña nobreza en contubernio vil? Os que xuraron defenderme, ¿ulos? ¿Onde ficaron os intereses daqueles polos que xurdín?
¿Que me importan a min estas partillas de destras e sinistras? ¿Que valor teñen insultos, mentiras e montaxes? Escápame a utilidade da teimosía que descualifica; aínda menos comprendo retesías pasadas que en nada contribúen ao porvir. Perdeuse o meu espírito; utilízanme; engánanme; empórcanme... Convertéronme en rameira sen me consultar. E dóeme. Son xa maior para emprender batallas; non teño valedor capaz de limpar o lixo que me cobre. Esmorezo escoitando barbaridades multicolores no meu nome, languidezo de mágoa, sufro.
¡Por favor!, ¡que alguén me acuda!

18.2.05

Muxicas

Cóntame B, mentres xantamos nun local de Vila Real, que a aspiración de moitas alumnas é casar de branco e pola Igrexa, non por crer nun sacramento, senón pola festa e o banquete; ante os seus argumentos, a máis pelexona retrúcalle un contundente e iso qué máis ten que racha calquera intento de proseguir. A maioría está convencida de que, desde ese momento, contarán coa liberdade de facer o que lles pete da súa vida.
Para o seu estupor, case todos os alumnos de Alternativa á relixión acoden ás charlas preparatorias á Confirmación, malia ignoraren en qué consiste ese acto; van porque alí se atopan cos amigos e botan uns risos, amais de gozar do viño que lle rouban ao cura, de quen se burlan sen ningún reparo.
Continúan as ameazas, insultos e batallas a golpes entre mociñas ás que lles gusta o mesmo rapaz -neste caso, repetidor de 1º de ESO, pendente na orella e actitude de castigador-, se cadra porque lle ven un atractivo irresistible sen o que non poden vivir. O xefe de estudos viuse obrigado por algúns pais a mediar no asunto antes de que chegase o sangue ao río.
Damos os últimos grolos ao tinto e machicamos os últimos bocados escollidos buscando explicacións ao que, quizais, non as necesita. A pesar de todo, seguimos buscando (polo menos eu).

17.2.05

Corpo


Un dos aspectos positivos de practicar ioga é que nos fai máis conscientes do corpo, até o punto de descubrirnos músculos cuxa existencia ignorabamos e revelarnos o mal que respiramos acotío.
O profesor, pequenote, peludo e indeciso á hora de escoller unha postura, insiste moito en que non forcemos, que vaiamos pouco e pouco e que cada un chegue até onde poida sen fixarse nos demais. A min, que son flexible case coma unha contorsionista, corríxeme os excesos inconscientes cun semisorriso difícil de interpretar.

Esta semana trasladámonos ao pavillón, pois no local onde adoitabamos practicar vai demasiado frío; agora, grazas a un teito máis baixo, a calor non foxe e podemos concentrarnos mellor en respirar polo abdome, manter a postura, activar as coxas e chantar mans e pés con firmeza no chan, todo ao mesmo tempo. Imposible pensar asemade no obreiro que non apareceu a pesar de xurar que viría, no cabreo provocado polos amables funcionarios locais ou na maldita billa da bañeira que se estragou outra vez. A mente vese incapaz de abranguer tanto.
Se cadra acho de menos unha relaxación final máis dirixida, aínda que non me chegasen todas as palabras; coa liberdade que nos dá para percorrer o corpo e soltalo, para observar como se espalla a distensión, corremos o risco de centrarnos nun xeonllo cando deberiamos ter chegado xa ás meixelas.
Sospeito que, dalgún xeito, consegue o esperable: que saiamos do recinto sentindo que a calma navega indolente polo noso corpo.

15.2.05

Creatividade

Leo un libro sobre este tema para min intrigante, tratado, máis ca con amenidade, coa curiosidade que inspira o funcionamento desa faceta nas persoas que a posúen. Malia estar aínda nos primeiros capítulos, quédanme claras unhas cantas características do creador: a obsesión por unha idea, a perseveranza para levala adiante e a paciencia para non deixarse achicar polos erros. Unha grande parte deles pensa que a sorte tivo moito que ver no seu éxito, mais, como afirma o psicólogo de nome impronunciable, a sorte cómpre procurala (pon exemplos moi ilustrativos).
Caio por casualidade nos comentarios ao último post de La coctelera e non podo evitar que se me desate unha fervenza de sensacións; non coñezo a Almu en persoa nin a ningún dos seus comentaristas, non son psicóloga nin psiquiatra, nin me vai nada persoal neste asunto, pero saco unhas poucas conclusións a partir do meu particular xeito de ver a vida.
Primeira: Vénme á cabeza a frase dun antigo compañeiro de traballo cando me comentaba, hai algúns anos, unha charla ofrecida por unha poetisa bastante nova: Nesta cidade de provincias, Peke, o que non se perdoa é o talento. Seguimos, deduzo asombrada, nunha cidade de provincias.
Segunda: Internet encerra un cúmulo de aspectos positivos sen conseguir desterrar os negativos. Como ben di B, só é un medio empregado polos mesmos humanos que nos cruzamos cada día; a posibilidade de permanecer ocultos ábrelles as bocas para trousar a mala baba que lles empezoña a alma.
Terceira: A letra impresa continúa sacralizada para unha gran maioría; dá igual de que trate; o feito de venderse en librerías abonda para coidar afortunado o autor e, se é o primeiro libro que publica, para envexalo e desexarlle todas as pragas de Exipto.
Cuarta: Unha vez máis, alédame non posuír nada que poida suscitar a envexa de ninguén. Mesmo teño a boa sorte de contar cunha saúde nefasta.
Quinta: ¿Conseguiremos algún día un mundo feliz?

13.2.05

Primeira cousa: a sandalia

Fíxenlle un calo no pé, si; ¿e que? Así aprenderá a limparme e a mirar onde me mete. Tenme até as mesmísimas fibelas de envorcarme nas merdas de can; alí onde hai unha, ¡zas!, o zoupón tripa con saña por moi miúda que sexa. Logo coida arranxalo todo refregándome na herba, coma se a humillación inflixida se borrase dese xeito. ¿E o meu orgullo ferido? ¿E a miña dignidade? O coiro que me conforma, ¿non padece?; ¿a goma da miña sola non merece un chisco de precaución? ¡Que se amole!
Como non sabe pisar, fun desgastando unha febra, con paciencia, sen que el se decatase. Pensaba terme domado cando empecei a actuar; amodiño, ¡eh!; tanto, tanto que aínda río lembrando a cara de desconcerto que se lle puña ao sacarme.
Agora estou de vacacións.

12.2.05

Praceres solitarios

A reflexión de Ferran sobre Una historia de la lectura de Alberto Manguel retrotráeme varios anos, cando descubrín este autor que durante un tempo leu en voz alta para Borges. Daquela eu tamén lía en voz alta para gravarlle a un alumno cego o que el non podía acadar de seu; era unha tarefa moi gratificante que multiplicaba a ledicia de ler, se cadra porque implicaba compartir un pracer acotío solitario.
Esas tardes de accidentada gravación facíanme recuperar aqueloutras xa remotas en que, ao abeiro de calquera mirada, rodeada de andeis con libros ou sentada no chan do meu cuarto, absorbía o ambiente dun sanatorio de tísicos, secaba as salpicaduras dun mar pirata que me mollaban a faciana ao ritmo da tormenta ou reprimía con dificultade os arrepíos provocados polas miñas primeiras escaramuzas co crime. Lecturas desde unha inocencia que a mesma lectura comezaba a gretar.
Durante unha época esvaeume ese intenso pracer case físico de percibir recendos, perseguir malvados, pasear por parques e, en suma, conmoverme ante uns mundos construídos con palabras, e unha indiferenza alarmante insinuou o temor de non recuperalo xamais. Coma adoito, o tempo non entende de premuras; trabucábame, claro, pero aínda o ignoraba.
Desde entón volvín sentir bastantes veces a emoción xenuína ante unha imaxe ben elaborada, un pensamento exposto con xusteza e unha acción que arrastra sen atrancos. A última, en Marte da man de Ray Bradbury, nunha moi digna tradución, hai apenas dous días. O mellor, sen dúbida: pechar o libro e preguntarte desnortado ónde estás en realidade.

Cristal (cor)

Que me desculpe MH, pero creo que hai certa relatividade nos asuntos humanos. A desgraza pode adoptar moitas caras -ou se cadra perspectivas-, ao igual cá felicidade. O que sería no chamado terceiro mundo unha fortuna, no primeiro non pasaría de anécdota patética, e viceversa, que de todo hai.
Dóeme a cara por un implante que me debían ter feito anos atrás; grazas a el dentro duns meses poderei comer dese lado da boca. Digo poderei comer dese lado da boca con plena consciencia de que moitos non poden facelo de ningún; o que para min supón unha molestia pasaxeira -algo amolada- para outros sería síntoma dunha vida mellor, pois indicaría que ata ese momento podían comer dalgún lado.
Sen cinismo e con total sinceridade, estou convencida de que comer é un dos verbos máis fermosos de calquera lingua -e de calquera realidade.

10.2.05

Olladas

Din que os ollos comunican máis ca mil palabras, pero non o creo. Se os illásemos do resto da face, non entenderiamos a linguaxe; faltarían os pequenos e inapreciables movementos de pálpebras, cellas e meixelas, incluso os miúdos rictos da boca e do nariz, para interpretar a lectura. Grazas ao conxunto sabemos se unha ollada nos acolle ou nos rexeita, transmite empatía ou indiferenza, afecto ou aborrecemento; así e todo, podemos trabucarnos. Se o mirón usa lentes, as posibilidades de erro aumentan coas dioptrías, e non vale de moito que os retire porque os ollos conservan o embazamento típico de quen contempla a vida corrixindo a deformación.
En realidade, iso carece de importancia; o malo é ollar deforme desde dentro e negarse a recoñecelo.

9.2.05

Aboiando

Unha catarreira incipiente auméntame a verza varios graos e diminúe outros tantos a miña capacidade de concentración. Neste estado son capaz de cometer os erros máis rechamantes e babecos sen decatarme; as ideas deciden revoar polos arredores do cerebro sen aterrar en ningures e, así como pretendo pillar algunha, desaparece sen deixar rastro; certa frouxeira melancólica instálaseme nos adentros malia o meu pesar, e desisto de facer algo de proveito no que resta de día.
Mañá despedireime do coche para sempre; un dos mecánicos do taller mércamo antes de levalo a despezar para sacarlle o motor e as portas, pois ten un modelo igual ao meu ex. Alédome por el, que lle tirará proveito, e por min, que deixarei de romper a cabeza co asunto.
Unha cousa máis da miña vida recente á que cómpre dicir adeus, aínda que o xeito non sexa o máis desexable. Ás veces sospeito que as circunstancias se encargan de soltar lastre para obrigarnos a tirar para adiante e non mirar cara atrás, se cadra porque queda xa moi pouco que mirar.
Será verdade que a mellor maneira de pasar páxina é rachala.

6.2.05

Corrección de probas

Remato a primeira corrección das probas coa certeza de que, se escribise o libro agora, sería bastante diferente, exploraría outras vías e, se cadra, tería outro remate. Porén, malia os anos transcorridos, lembro en que condicións o escribín, o alento que me animaba, a mestura de xéneros que empreguei con plena consciencia, curiosa por indagar qué sairía de aí.
Daquela a escritura supoñíame unha fuxida da rutina, unha febre liberadora de tensións que aproveitaba ao máximo durante as vacacións arredándome de todo. B tiña que avisarme de que cumpría comer ou saír a pasear, pois eu permanecía amarrada ao ordenador apreixando ideas e perseguindo personaxes, ignorante de cal deles se ía desmandar, pero sabedora de que, máis tarde ou máis cedo, algún destacaría (sempre o fan). Malia que remataba o día cansa, mesmo apampada, gozaba cada minuto coma se fose o primeiro da vida.
Cando lin Fluir de Mihaly Csikszentmihalyi comprendín que iso era o que me ocorría ao embeberme na elaboración dunha historia. Sen dúbida, un dos estados máis prezados e gratificantes que coñezo.

5.2.05

Crebadura

Crébame o ánimo por enésima vez desde que se me instalaron os acúfenos. Están a piques de cumprirse seis anos do momento en que as circunstancias me deixaron este agasallo envelenado. Acotío vounos soportando porque a vida é, en xeral, fermosa e teño moito que agradecerlle, mais dez días seguidos con eles a tope de volume acaban por romperme, por facerme desexar un presente distinto. Aférrome á intuición de que o que son, o que me conforma, lle debe algo importante a esta doenza menor que, hoxe en día, continúa sen garantía de solución, pero témoa un consolo para non desesperar.
A propia existencia aprendeume que as épocas veñen por ciclos, que a unha fase de tormentas a segue outra de calma; seino; lévoo comprobado ao longo dos anos porque case todo é circular, coma a cegoña de Karen Blixen, pero isto rebórdame. O esquerdo, constante desde o comezo, varía segundo os avatares que concorran; o dereito -moi moi agudo- flutúa e experimenta subidas entolecedoras sen saber moi ben a qué responden, malia as probas realizadas (o cansazo físico ten que ver). Hoxe comportouse de xeito intolerable.
Agardo. Sigo agardando a que regresen a un nivel máis aturable.

3.2.05

Patíns

Esta é unha das dúas figuras que teño (amais dun pin coa súa cabeza) deste sabio distraído, un nadiña duro de oído e unha forza da Natureza cando se decata de que o ofenden. Na imaxe está a piques de sucumbir a unha falcatruada de Abdalah, o repelente e consentido fillo do emir Ben Kalish Ezab, mentres realizaba ensaios para un dos seus inventos: un fantásticos patíns a reacción.
O que máis me gusta das aventuras de Tintín é a variedade de escenarios en que se desenvolven, os detalles de ambientación de cuartos, vivendas e paisaxes e algúns personaxes, entre os que se non se conta o protagonista principal, quizais porque tal cúmulo de virtudes nunha soa peza me produce sarabullo; onde estean un ou dous defectiños que se quite a perfección.
Un aspecto semellante ao de Tornasol debino de ter eu a última vez que puxen uns patíns; non se me ocorreu mellor idea que lanzarme costa abaixo para coller carreira, despois de cinco anos sen usar ese medio de transporte. En canto me decatei de que non controlaba as marchas, intentei achegarme a un farol coa intención de frear polas bravas, mais non me deu tempo: o mozo coa que saía daquela montou no seu cabalo, cabalgou lixeiro e amarroume dun brazo antes de que eu chegase ao farol.
Aínda conservo a intriga de qué ocorrería se me tivese permitido salvarme a min mesma.

2.2.05

Rapazada

Por esta época do ano empezaba para min unha fase de tremor ante o mundo exterior que me facía conmover por case todo, dubidar do aprendido, emocionarme até as bágoas ao ollar a rapazada apertando os bolígrafos contra o papel mentres intentaban desvelar os misterios dos pronomes persoais. O futuro, o seu futuro, semellábame tan incerto e ateigado de atrancos que desexaba acollelos nos meus brazos e consolalos baixiño sen dicirlles o motivo da miña mágoa.
Nunca fixen tal, claro; non sería politicamente correcto e, se cadra, até me acusarían de acoso a criaturas indefensas ou de abuso de poder. Debía tragar os meus sentimentos, mais non podía evitar acariñalos coa voz, adozar o trato e esmerarme en explicar máis clariño o que lles custaba asimilar. Eles notaban que algo estraño sucedía e permanecían quietiños en silencio coma cachorros que reciben agarimos. Case sempre comezaba as clases léndolles un conto, debullando as palabras para eles, intentando darlles corpo aos personaxes para que, así, a aula se enchese coa presenza de Samba Bimbiri Baramba, a lingua cociñada por Orula para o poderoso Obatalá ou o doutor Sabelotodo que atinaba por azar; libros, cadernos e apeiros de escritura permanecía durmidos a unha beira mentres nós deambulabamos por África, Cuba ou Alemaña. As súas faces ávidas e relaxadas sabíanme a mel.
Ilusionábame a idea de que, durante uns intres, os nosos problemas se convertían en pequenas e remotas sombras, tan alleas, que non tiñan cabida no escenario; tan só estabamos nós, limpos de tristuras.

(Fotografía de Sebastião Salgado).

1.2.05

Última lectura

Mergulleime durante tres días nun mundo paralelo, ávida por saber qué ocorrería; Cornelia Funke e o seu Corazón de tinta foron os responsables. Malia determinados momentos nos que decae un chisco a intensidade, mantén o interese ao longo das súas case seiscentas páxinas.
Enganchoume a idea da que parte: algúns personaxes saen de Corazón de tinta pola voz dun lector. De cativa pasei unha tempada obsesionada coa posibilidade de que sucedese iso; ollaba os libros da casa con certo temor, preocupada por que de súpeto xurdise unha bruxa, un malvado ou -peor aínda- un orco pretendendo seguir a súa historia entre as nosas paredes. Eu estudaba na cociña, mais deixaba a porta aberta para controlar os ateigados andeis do corredor e asegurarme de que todo seguía en orde, de que ningún ousara traspasar as fronteiras de papel.
Volvinme ver cos deberes sobre a mesa de formica erguendo a vista de cando en vez cara á luz e sorrindo por dentro ao constatar que ningúns monstro horrendo me espreitaba para saltarme ao pescozo. Alédome de que aquela obsesión esvaese de seu, máis ca nada porque agora teño una sección abondo nutrida de asasinos e psicópatas.