30.5.05

Creación e destrución


Non conservo os diarios que escribín na nenez e na adolescencia; un bo día de verán, ás portas da adultez, volvín ler aquelas follas cubertas de pesares e destruínas sen dó; coidaba que con iso abría a porta a unha nova etapa. As épocas de escritura compulsiva, case diaria, e de destrución alternaron despois, ciclos que se repetían teimudos guiados polo impulso. Só gardo tres ou catro, os correspondentes aos últimos dez anos, talvez algo menos.
Estes días volvín sentir a necesidade de escribir só para min en cadernos de tapas duras, debuxar coa miña pluma favorita letras de cores que van formando sentimentos imposibles de comunicar, ocorrencias ou sensacións momentáneas que piden quedar fixadas dalgún xeito, ignoro para que.
Se cadra ese exercicio ten só unha utilidade clara: facernos caer na conta, cando os volvemos ler, do moito que cambiamos. Do moito que nos cambia a vida.

29.5.05

A primeira vez

Por primeira vez escoito música -bastante baixiña- mentres escribo; estréome co último disco de Lamatumbá e vou de abraio en abraio mentres vexo algúns integrantes do grupo cos ollos da memoria, porque non sempre foron os mesmos; malia quedaren poucos dos fundadores, a case todos lles sigo a pista. Menéaseme o pé ao ritmo das cancións e non me resulta difícil imaxinalos sobre o escenario, supoño que polas veces que os contemplei no instituto, alá cando cantaba o millo e os meus oídos aturaban o directo.
Rescato fotos tan vellas que me sobresalto asemade que me acoden lembranzas gratas a moreas e pónseme un sorriso parvelo na boca. Festas, teatro, actividades varias, excursións, risos e máis risos, algún cabreo... ¡Ai! Pero non se trataba de caer na morriña, senón de gozar de boa música, e iso está garantido. ¡Que bos son estes rapaces!

27.5.05

Enxeño


Haber, haino.

Tópicos

Por veces non sei se os tópicos sobre homes e mulleres responden a unha realidade coa que non me identifico ou se, pola contra, son o resumo fácil de actitudes e comportamentos que cada vez están menos vixentes. Que un mozo teña traballo, coche propio, estea fisicamente máis ou menos ben pero... non teña moza implica para min un xeito de pensar sobre as mulleres bastante machista e simplificador. ¿Por que será?

26.5.05

Plantas

Tanto a schulumbergera truncata coma a schulumbergera gaertneri continúan dando flores sen descanso. Creo que acoplaron os seus ritmos e funcionan ao unísono, para o meu pracer. Comezaron en novembro e aínda proseguen alegrándome o salón, o que non deixa de abraiarme.
Atraveso unha desas fases que eu denomino moucho e que na miña nenez os adultos liquidaban cun cocón algo apesarado, se cadra porque desexaban criaturas sociables e faladoras ao cento por cento. Intúo que é a reacción natural a tantas emocións da semana pasada.
Pola contra, B anda nun período en extremo afable que o leva de acá para alá con amigos que saen até de debaixo das pedras; mentres eles gozan da súa sociabilidade eu comprázome na miña soidade até que me volvan as ganas de compañía.
De máis nova desconcertábame esta flutuación, pero tiven tempo e tempo de afacerme a ela e acéptoa encantada da vida, se cadra porque hai cousas que non se poden cambiar por moito que unha queira. Son os ritmos naturais de cadaquén. Arestora ocórreme que, perante alguén, as palabras néganse a saír, coma se non tivese nada que comentar ou opinar; forzar o inevitable non conduciría máis ca á artificialidade e coido que, aínda que mo propuxese, non sabería ser artificial. Mais iso non implica que non me bulan pensamentos nin procese informacións, actividades imparables deste meu cerebro. Supoño que dentro dun días volverei ser a outra.
Entrementres constato que as dúas teñen algunhas cousas en común; a principal, quizais, é a capacidade de indignarse ante anuncios e comentarios mentireiros, desculpas de mal pagador e manipulacións informativas. ¡Uf! ¿Tan difícil é dar noticias sen interpretalas segundo conveñan?

25.5.05

Historias

Leo o último libro deste psiquiatra afincado nos USA estrañándome dalgunhas expresións ben pouco españolas, mais evitando todo o posible facer análise de texto; algúns aspectos sonme coñecidos por ter lido os autores aludidos e as súas teorías. A medida que avanzo, non fago máis que pensar en Espe, a muller toca que vai comigo a ioga e de quen xa teño falado. Separada desde hai un lustro, aínda non superou a ansiedade que ese suceso desencadeou e amólame constatar unha vez máis o vulnerables que son algunhas mulleres de mediana idade cando a vida á que estaban afeitas esvaece de súpeto. Por suposto que un proceso dese tipo é duro, ten que selo por forza, pero magóame que aínda non dese levantado cabeza e aprendese a facerse unha vida de seu.

Vía Cesare chego a un post de El pez que recolle un anuncio -por chamarlle dalgún xeito- dunha xente -por chamarlle tamén dalgún xeito- publicado nun diario de -ehem- bastante prestixio entre determinado sector da sociedade. Que a estas alturas se pretenda que a SIDA é unha enfermidade de orixe homosexual daría risa se non desen ganas de incharlle a alguén a cara a...; en fin, non nos desmandemos, que iso non vén a conto.
Dos máis ou menos vinte coñecidos e amigos meus e de B que morreron desa enfermidade, NINGÚN era homosexual. Como mostra -pequena si, pero mostra-, abonda.
¿A que demos xoga esa xente -por chamarlle dalgún xeito? ¿Como é posible que un xornal enlarafuce o seu prestixio -merecido ou discutible- publicando iso? Cousas veremos.

24.5.05

Piratas

Ike estivo de aniversario e, dada a súa xenerosidade sen límites, fíxonos agasallos aos seus lectores; a min tocoume un estupendo pirata que levará a cabo sen protestar as tarefas do fogar. Advírteme de que lle gusta beber e mirar o programa de María Teresa Campos polas mañás, pero mal sabe el que, cando me poño severa, nin unha mosca se me arrepón. Aquí vénse a traballar, non a mirar chorradas televisivas.
Continúo indecisa co das eleccións, que lle imos facer. O máis probable é que acabe dándolles un voto de confianza, a pesar de que temo moi moito que acabarei, coma sempre, mordendo as unllas de rabia. Ese entusiasmo de hai que botalos non o comparto, se cadra porque, máis que realista, son pesimista sobre este pobo perdido no mapa. Iso si, como desta continúe o actual gobernante, capaz son de exiliarme aos antípodas. ¿Por que non?

22.5.05

Cereixas


Esta é unha das poucas cereixas que aínda sobreviven ás asiduas visitas dos merlos e dos paporrubios; coma quen non quere a cousa, achéganse ollando para todos os lados choutando miúdo de póla en póla, polo chan entre as margaridas ou camuflándose na camelia; xogan a distraer e logo atacan con saña feroz as farangullas que lles boto e, agora, os pobres e indefensos froitos. Son uns auténticos mestres na arte de fuxir ao menor ruído ou movemento que coidan perigoso para a súa integridade. Xa desisto de crer que un prato de cereixas chegará á nosa mesa.
Malia o cansazo, onte fomos dar un paseo; non me presta quedar estarricada no sofá porque seica non é bo para o corpo permanecer inmóbil. Axudeime do caxato e houbo que descansar á metade do camiño un par de veces, pero pagou a pena.

A brisa zoábame nos audífonos soándome á liberdade absoluta e insuflándome -¡ai!- ganas de correr coma cando era cativa, polo puro afán de saber que as pernas podían levarme onde eu quixese só coa miña vontade. Logo, desde a casa, a contemplación dese incendio antes da chuvia, o tempo detido e o aire calmo durante uns segundos, igual ca momentos antes de ocorrer algo importante.
B insiste en que nesta zona ten que haber un campo de forza, que non é normal sentir esta placidez tan plena na alma, lonxe de calquera desacougo, tan preto da paz.
E eu sigo sen ter nada claro que farei o día dezanove. ¿Votarei en branco? Esa é a miña intención.

21.5.05

Cansazo

O que peor levo das miñas limitacións é, se cadra, este cansazo infinito que cae de súpeto e carece de equivalencia co esforzo realizado. Iso si, seguen investigando. As reaccións que desencadea no doente son innumerables.

20.5.05

Andazo


B está farto da administración e do sistema educativo, de xeito que segue acariciando a idea de mudar de profesión, pero aínda non decidiu que xiro quere imprimir á súa vida; a miña amiga da alma vai un paso máis alá e ten solicitado un permiso de varios meses con vistas a pedir a excedencia e dedicarse a tarefas máis gratas; o seu home tamén devece por deixar o bufete e vivir.
Está claro que quen non se molla non colle peixes, que as oportunidades non veñen buscalo a un á casa e que, chegados a determinado punto, máis vale equivocarse por facer algo que arrepentirse toda a vida por non telo feito.
Entrementres, sen proxectos definidos á vista, teño a sensación de estarmos no aire sobre un bambán ao ralentí.

19.5.05

A presentación

Creo que non me afarei a estas cousas mentres viva, quizais porque me semellan males inevitables neste mundo, pero evitables nun sensato. Antes non cumpría verlle o careto a un escritor para gozar do que escribía nin necesitabamos coñecer a súa intimidade para vivir as súas fábulas sen reservas. Sei que os que me rodean o pasaron en grande -sobre todo meténdose comigo e cos meus nervios- pero só porque me queren; os outros quedarían decepcionados por unhas palabras improvisadas froito dun mal consello.
A min o que máis me gustou foi a festa, atopar amigos de verdade que quixeron estar comigo e ver a Cesare pasándoo coma un anano ante o meu acoro. Coñecer en persoa a Neira Cruz é outra historia ab-so-lu-ta-men-te arrebatadora.

17.5.05

Aprender a dicir non

Non deixa de asombrarme constatar a facilidade dalgunhas persoas para establecer relación con quen menos lles convén e, unha vez conscientes, a dificultade para rompela. Analizo un caso que me toca relativamente preto -con chantaxe sentimental incluída- e caio na conta da febleza humana cando non se acadaron aínda os recursos suficientes para dicir non e rexeitar así o que nos fai dano. Se cadra o miolo do asunto estea en quererse a si mesmo, proceso, con frecuencia, lento e laborioso, mais desde o momento en que un se valora como ser humano, comeza a ser moito máis doado non permitirlle a determinada xente que nos magoe nin coidar normais as chantaxes sentimentais ás que pretende someternos.
¿Por que se produce ese aborrecemento cara a nós mesmos que nos leva a caer en relacións insás? Velaí un campo amplísimo de posibilidades entre as que non son as menores a educación familiar, os falsos amigos na nenez e na adolescencia e a propia psique.
A primeira vez que dixen non sentinme mal, con absurdos remorsos; logo aprendín a negar con máis suavidade pero con firmeza e fun gañando tranquilidade. Espero que Ma non tarde moito en aceptarse como é e aprender a quererse como merece.

16.5.05

O home propón...

Tiñamos pensado ir a Ítaca esta longa fin de semana, pero o tempo púxose tan treboento que sería imposible pasear pola vila e intentar solucionar o asunto da vivenda. En troques, miramos inmobiliarias por interné e demos con catro posibles opcións que cumprirá estudar con detalle, coñecín uns curiosos amigos de B cos que estivemos varias horas e vimos a tormenta abeirados tras os cristais. Impresionante, coma decote.
A ver se B se vai convencendo de sacar o carné de conducir, máis ca nada porque ás veces acho de menos ir de paquete mirando a paisaxe e a miña resistencia ao volante mingua cada día. Pero iso é algo que require tempo, coma todas as súas decisións.
Á vista do panorama político, creo que a miña intención de votar en branco se fai máis e máis firme, por moito que a algúns lles semelle un erro. Non vexo alternativas que me convenzan nin me presta votar o menos malo. A política non se fai con palabras, é unha cuestión moi seria gobernar un país e non atopo ningunha opción que poida cumprir nin de lonxe o que eu soño para el. Terei que facerme mirar este fondo desencanto.

15.5.05

Presentación

Puxen o enlace hai uns días aí á esquerda; un bo amigo decoroume o local e, agora que está máis presentable, anúncioo aquí; réstanlle algúns detalliños que irán engadíndose a medida que as ideas me xurdan nidias. Non sabía que facer con eses delirios que se me ocorren ás veces, pero desde o primeiro momento tiven claro que o mellor era expoñelos ao aire para que recibisen suxestións e comentarios sen censura. É unha maneira excelente de progresar no que se fai. Espero que gusten deles. A min encántame compartilos. Cousas da interné.

14.5.05

O xoguete do odontólogo

Un moderno aparello que substitúe ao clásico torno, funciona con láser e auga e non manca. O odontólogo estaba que non lle collía un gran de millo no cu, amosounos como funcionaba e rabiaba por estrealo, pero necesitaba un coello de Indias. ¿Quen mellor ca Peke que protesta moito pero, á hora da verdade, permanece quietiña deixándose facer? Pois iso; estreou o aparello -que non manca; dou fe- agasallándome un empaste. B agasalloume o outro e agoro luzo dentes. ¡Ai! O progreso da técnica fai marabillas, até que eu ría ás gargalladas sentada no que outrora era cadeira de tortura.

Engadido

A Orentino deille clase hai vinte anos. Non sei como, informouse de qué supoñía para min o 13 de maio e desde entón todos os anos, ese día, chámame por teléfono. ¿Pode haber na vida algo máis conmovedor?

13.5.05

Sírvanse se gustan


Aínda que eu non podo comer tortas de nata e morogos, sírvanse tomar un anaco á miña saúde. Estou de aniversario -mellor omito o número- e, coma adoito, ocorre de todo este día. Chega un ramo de flores da miña sogra cun día de adianto, o correo tráeme uns dereitos de autor que me darán para algún capricho e o meu libreiro favorito de Auria organiza nun abrir e pechar de ollos a presentación do meu revello fillo na cervexaría O Moucho para o vindeiro mércores. Moitas emocións antes das once da mañá que conseguen poñerme leda coma un axóuxere.

Comezan a sucederse chamadas e mensaxes telefónicas que me achegan caloriña á alma ao demostrar que aínda se lembran de min vellos amigos; a moitos vereinos o mércores ao abeiro dunhas cañas, se cadra as penúltimas que beberei nesa cidade en bastante tempo.
E agora agárdame unha xeira abondo frenética, incluída unha sesión co odontólogo, para celebrar que sigo aquí e agora nun mundo marabilloso e cruel, o único que temos. Na nosa man está facelo máis marabilloso e un chisco menos cruel.

12.5.05

Des-acougo


Eu, coma as vacas, adoito rumiar os asuntos até conseguir que se desfagan en miúdas partículas doadas de dixerir. Ás veces o proceso é máis lento do desexable, mais unha xa vai asumindo que as présas son as peores conselleiras do mundo. Sorpréndome no transo de soportar o desacougo cun acougo ignorado e coido que iso forma parte do lento proceso de madurar. Alédame constatar o moito que me queda por descubrir, tanto de min mesma coma do mundo, e iso reconcíliame cos desgustos da existencia, capaces de obrigarnos a erguer a cabeza e dicir con orgullo: "Vale, estades aquí, pero eu tamén estou e son máis forte ca vós".
As follas medran imparables e nin sequera un trebón impedirá que a copa dos pradairos espese paseniño día a día nin que dentro dun mes reborde vida e acolla niños de paxaros que queren criar. Adiante, sempre adiante. Non paga a pena volver a vista atrás máis ca en contadas ocasións.

10.5.05

Sorrisos

Encántame provocar sorrisos alegres co que fago e o mellor de onte foi o de Chicho. Saciou a sede nunha tarde, o que xa ten mérito dado o seu negocio e o pouco hábito; agora pasoulle a xerra á muller, que xa a levaba mediada á unha da tarde, cando os deixei no apracible patio da súa casa, cheíño de testos con plantas: tomates, framboesas e pementos agardan o sol para poñerse vermellos de pracer.
As explicacións do médico, claras, detalladas e baseadas en comprobacións empíricas, abondáronme para conformarme e desistín de darlle máis voltas ao pote; total, non custa tanto tomar cada día as doses prescritas con tal de manter lonxe de min as gadoupas da pantasma. Por nada do mundo correría, hoxe por hoxe, o risco dunha recidiva.
A perda de dez decibelios de frecuencias graves (até para enxordecer fuxo da norma) supliuse cunha subida na potencia do aparelliño que lle conferiu nova nitidez ao mundo. Cando o coloquei de novo, preguntei por aquel estraño e inidentificable ruído de fondo e a audioprotesista respondeume que era a rúa, até había uns segundos ignorada. Comprobo, por enésima vez, a marabilla de oír.
No camiño de regreso cáenme tres ou catro ballóns que me obrigan a reducir a velocidade case ao ritmo comarcal e métenme un chisco de inquietude no corpo. Respirei no último treito de autovía, seco por completo baixo un ceo despexado sen apenas nubes. Por fin cheguei á casa.

8.5.05

Preparándome

Mañá irei a Auria para falar co médico a ver se podo reducir a medicación. Dinse tantas cousas negativas destes tratamentos prolongados que se me meteu certo desacougo no corpo. Tamén irei a programar de novo as próteses, esas que segundo o mentirán xa non serven para nada; estou desexando percibir mellor a voz humana, arestora bastante perdida entre ruídos imprecisos e convertida, ás veces, nunha papa sónica indescifrable.
Entrementres irei ao Moucho, verei amigos, charlarei e lembrarei os anos vividos alá. Sen morriña, creo; sen morriña, espero.

7.5.05

Unha certa vertixe

Por primeira vez B coincide no instituto cunha compañeira que foi alumna súa hai anos; ese día chegou á casa con cara de sorpresa, coma se non puidese crer as cousas que ten a vida. Cando me pasou a min experimentei certa vertixe, coma se os anos que nos mantiveran separadas se derrubasen de súpeto todos xuntos sobre min. Ese e ver medrar un cativo son os signos máis evidentes do paso do tempo.
Para nós, que nos ollamos todos os días, sempre estamos igual (a menos que caiamos na debilidade de mirar fotos antigas), mais cando temos enfronte un adulto ao que unha vez intentamos aprender realizando a mesma tarefa ca nós, decatámonos nun lampo de que somos maiores, de que nada volverá ser coma antes dese momento.
Agora B anda sorteando alumnos que o miran abraiados e pregúntanlle: ¿De verdade tiñas pelo e barba? ¿É certo que eras un peludo? Só lles falta completar o descubrimento para que lle solten: Así que ti tamén fuches novo, ¡eh!

6.5.05

Ponte nas ondas


Día solitario en ausencia de B, que foi de xira cos alumnos até que lles toque entrar ao aire en Ponte nas ondas, aí sobre as oito da tarde; sorte tiveron con este espléndido día en que por primeira vez vestín de verán.
Empecei cos envíos dos exemplares aos achegados trabucando nomes e provincias por mor dunha señora que quería mandar a León un aviso, pero non daba enderezo nin outros datos, para desesperación do funcionario; seica todos os anos por estas datas lle fai o mesmo e todos os anos a discusión conclúe do mesmo xeito tallante: sen datos non hai envío.
A xente xa comeza a ir á praia para os primeiros baños e onte paseei os pés nus pola area a pesar do nordés; deliciosa sensación notar os miúdos granciños escorregando entre os dedos, cálidas caricias de benvida. Dentro de nada lucirei o moreno obreiro de todos os anos, apenas atemperado polos tres ou catro baños de sol que son quen de soportar; quizais esta tempada expoña máis días o corpo, por aquilo de procesar calcio para endurecer os ósos.
A vida é tan, pero tan linda...

4.5.05

Máis realidades

Remato a última novela de Donna Leon mentres agardo na sala de espera para que me poñan unha moa noviña do trinque; saio de alí dúas horas máis tarde con toda a mañá esfarelada e co tempo xusto de mercar comida, volver á casa e facer o xantar. Os plans previos pasan ao baúl do imposible, pero non me importa demasiado: xa podo comer a pracer do lado dereito por primeira vez en oito meses.
Nada máis comezada a tarde, B na cama para a sesta, chaman ao timbre: o ansiado paquete cos vintecinco exemplares de rigor chegan por fin ás miñas mans; apresúrome a levarlle un a B antes de que adormeza; cólleo con ilusión, pasa as follas e emociónase, abrázame e mírame con ollos amorosos. En canto esperte de vez, daremos un paseo e celebraremos a boa nova.
Menos mal que irei a Auria a próxima semana e non tardarei en ver as caras de Chicho e de Toño cando llelo dea. Até pode que tome unha cervexa canda eles se ningún médico anda preto.

3.5.05

Realidades


Aínda co ánimo algo tristeiro polo incidente do mentirán, repaso o que sei sobre a natureza humana, a súa diversidade e a necesidade de relacionarse con eses matices diverxentes dos nosos, cando menos para lembrar que non somos illas, que non deberiamos selo.
Os meus valores -correctos ou menos- son firmes, diría que até intransixentes; o peso da educación familiar e certa tendencia de carácter en ocasións faríanme ver a vida un chisco plana se non fose polo costume de revirar as cousas, de intentar adoptar a perspectiva doutro, de poñerme na súa pel. A pesar dese exercicio practicado acotío e polo propio peso dos meus valores, o engano resísteseme; creo que nunca o poderei aceptar. ¿Como vou aceptar que alguén desprece de tal xeito as capacidades dos outros?

2.5.05

Técnicas de mercado

Non resisto a mentira, qué lle imos facer; cadaquén ten as súas desviacións e a miña é esa: non resisto a mentira. Que un audioprotesista xogue cun xordo para que lle merque o seu produto, provoque inquietude coas súas falsas palabras, esperte ilusións de fume contándolle marabillas inaplicables é a mellor maneira de que esta xorda se cabree. Tamén é a mellor maneira de que deixe de confiar tanto na xente.

1.5.05

Bloquedada: retrincos da primeira parte

Había nervios, claro, ¡non ía haber!, diluídos no transcurso dos primeiros cinco minutos por obra dunhas persoas encantadoras. Coma se de vellos amigos se tratase, recoñecémonos, rimos, falamos coma cotorras en medio dun balbordo ambiental que engulía a metade das palabras, suplidas con sorrisos e olladas cómplices.
A Martin derrubóuselle a imaxe de muller delicada que tiña de min, cousa que non me estraña nada porque son bastante brutiña cando me dá -e dáme bastante acotío-; como tiña información privilexiada, eu xa contaba cunha vaga idea de con quen me ía atopar; confeso que a devandita información non lle fai xustiza.
Aínda que semelle curioso, non me fixera unha idea do aspecto físico de ninguén, pero debo declarar (mesmo pregoar) que Ike é moitíiiiiiiiisimo máis atractivo do que el pretende e tan doce que dan ganas de comelo a beixos; volvín arrebatadamente prendada del. Mágoa non podermos charlar máis. María Bumblecat e Nuala, organizadoras materiais do evento, rebordan simpatía e vitalidade -ben poderían repartir un chisco comigo- tan contaxiosas que daba xenio miralas. Dorfun representou unha sorpresa non só pola súa mocidade, senón porque non fala de tecnoloxía nin de matemáticas e si doutros temas tamén interesantes máis comprensibles para min. Foi un auténtico pracer compartir tanto tempo con el. Con Hans, Wel, Ictioscopio e Arduina non houbo moitas posibilidades de coincidir, aínda que algo se puido intercambiar. Para a próxima espero que as circunstancias nos favorezan. Akin pasou coma unha nube (ao igual ca tres persoas máis das que sinto non poder dar datos) pois quedara con outro grupo noutro lugar.
A cea, deliciosa (as croquetas de bacallau in-des-cri-ti-bles), mais co problema das mesas alongadas: fías cos catro máis próximos e non hai xeito de entender o que din os demais. Para colmo, eu retireime xusto despois -o corpo manda- e perdín a segunda parte. Para informarse cumprirá ir ás ligazóns. ¡Ais!
Non me esquezo do chofer de luxo que o destino me puxo diante, pero del mellor será que non diga moito, non vaia ser o demo que me mire mal.