27.3.05
Cambio de hora
Onte levamos a Cesare até Teucro e aproveitamos para visitar a banda máis barulleira da familia. O adianto da hora cóllenos por sorpresa despois dunha noite pasada por auga baixo beirados de edificios e carreiras aos treitos.Volvo cos oídos ateigados de berros (infantís e non tanto), abouxadores ladridos de can e caos indescritible, a medias arrombados en canto poñemos o pé na nosa casa.
Algúns proxectos de Cesare chámanme a atención, mais aínda non tiven vagar para determe neles cos sentidos necesarios; o máis probable é que noutros nin sequera me deteña. O seu exceso de traballo consegue atafegarme e rífolle un pouco por enredarse en tanta leria sen peneirar abondo; quédame o consolo de que, cando menos, aquí descansou o corpo durante unhas horas.
Sacia a miña curiosidade respondendo preguntas sobre persoas que el coñece máis de preto; en poucos casos me sorprenden os datos fornecidos entre licor café (el) e viño tinto (eu), aínda que hoxe non estou tan segura.
Agora a min tamén me toca remoer.
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario