14.3.05

Electricidade


Agora que a primavera está ás portas, e a pesar de seguirmos padecendo unha seca esaxerada -e exasperante-, parece que vai descendendo o meu nivel de electricidade; cando menos o coche, as ventás e todo canto obxecto metálico toco xa non me dan xostregadas a traizón.
Ignoro como se produce o fenómeno, malia consultarllo a un físico que traballaba comigo a raíz dunha descarga fortísima que lle soltei a B cando empezaba a bicarme (saíu despedido cara atrás e a min quedáronme os beizos ardendo co proído), pero é real coma a vida mesma: acumulo enerxía eléctrica de tal xeito que lla comunico a calquera ao mínimo roce asemade que reverte sobre min. Non me cómpre tocar algo metálico nin tecidos de fibra artificial: algodón, la, liño ou cánabo rebélanse tamén contra as caricias dos meus dedos e déixanme tremendo coma se os acabase de meter nun enchufe de alta voltaxe.
Non sei se este descenso é só un breve respiro ou se converterá en tregua prolongada, pero resulta un descanso.

Ningún comentario :