Ma posúe dúas tinturarías, unha na Ramallosa e outra na Vila Real. Muller emprendedora, non lle ten medo ao traballo nin a tomar decisións difíciles. Hai pouco despediu unha empregada que duplicaba o soldo mensual roubándolle cartos da caixa todos os días; grazas á cámara oculta instalada nun recanto comprobou o que non quería crer. Levámoslle á primeira a roupa da semana para lle pasaren o ferro e ela tráenola de volta ao cabo duns días.
Como lle encanta a lectura, cada vez que vén préstolle un libro e charlamos. Anda preocupada pola súa filla de doce anos, mala estudante e pouco responsable, por iso dálle voltas á idea de cambiala de colexio; consultounos sobre o que lle ofrece máis garantías, pois non lle fai graza a tendencia do centro a pesar das cualidades observadas.
Eu xa lle manifestara a miña opinión, nada ambigua por certo, e onte escoitou a de B, distinta en enfoque e conclusións.
Ao marchar, fíxonos un comentario que non escoitaba desde había tempo: Non sei como estades xuntos se pensades de xeitos tan diferentes.
Se cadra esa é unha das razóns.
Ningún comentario :
Publicar un comentario