24.3.05

Destinos


Horroriza pensar que o noso destino estea escrito en non se sabe que páxinas ocultas, coma se fósemos personaxes de calquera conto marabilloso tipificado por Propp. Teriamos unha función definida nunha historia na que, se cadra, só estariamos para axudar ao heroe a avanzar un chanzo na escaleira que o conduce ao éxito, pero careceriamos de vida propia que se xustifica a si mesma. Quizais serviriamos, consonte Bettelheim, para apoiar os cativos na súa construción mental do mundo, e aí remataría a nosa utilidade.
Apréixame ás veces a inquietante sensación de non ser máis ca un minúsculo elemento dun relato alleo do que nun momento dado se podería prescindir sen que a historia cambiase demasiado; o labrego que lle indica ao protagonista onde se atopa a chave que busca, a árbore cuxas raíces non poden medrar por teren un tesouro ensarillado nelas, a bruxa que persegue a noite nun carro roubado, ese mesmo carro... Princesa, nunca.

Ningún comentario :