11.3.05

Concesión

A vella estación do tranvía na Ramallosa, convertida en cafetería e club da terceira idade, pechou hai unha semana; débese, ao parecer, á concesión do Concello, segundo me informa unha compañeira de ioga. Non coñezo os detalles -raro sería o contrario-, pero sospeito que o prezo pedido por ese caramelo sobrepasaba con moito o que os últimos concesionarios estaban dispostos a pagar.
Paso por diante a diario cando levo a B ao instituto; sábados e domigos adoitaba parar a tomar un té en compañía dos xornais; era un lugar estupendo para quedar con calquera ou observar o comportamento humano. Desde a súa terraza vese o esteiro ao completo, sempre animada de bicherío e vida bulideira; incluso ten á beira un parque infantil para solaz de críos, alivio de papás e tormento de oíntes. Desde que pechou, non é o mesmo ir mercar a prensa e o pan. Espero que non tarde en volver abrir.

Ningún comentario :