12.3.05

Quinta cousa: a blusa

Fixéronme de seda nunha factoría chinesa; as mans que me cortaron e coseron eran tan expertas que nin unha soa vez cravaron a agulla en sitio errado, por iso saín perfecta. Viaxei moitos quilómetros acomodada nunha caixa á medida e, tras algúns abaneos, fun dar a unha das tendas máis exquisitas dun remoto país. Alí acaricioume con desexo unha muller que, de inmediato, me sacou do leito, logo despregoume para verme ben e, por fin, proboume. Descubrín con abraio qué se sentía envolvendo un corpo como aquel, lanzal e firme; seguín as curvas dos ombreiros asentándome á primeira, esvarei por uns seos xenerosos procurando non quedar prendada das mamilas -sabía que sería a miña perdición-, porteime con decoro para non espantala e ben que me custou non morrer de pracer. En cuestión de minutos as miñas sensacións brincaron dun cabo a outro do espectro, decepcionoume que me retirase, desespereime cando me dobraron outra vez e chorei de alivio ao comprobar que a muller me levaba canda ela.
Amosoume orgullosa a un señor elegante que lle pediu sorrindo próbaa para min. Non tiven que esforzarme para lucir espléndida, o roce desta pel transpórtame ao paraíso e sei que son a blusa máis feliz do Universo.

Ningún comentario :