5.3.05

Celebración


A festa grande de Vila Real lévanos a pasear por lugares con menos rebumbio, lonxe da riada de xente que todos os anos por estas datas colapsa a vila e provoca caos circulatorio, choros de nenos cargados de angustia e atascos atafegantes de peóns, atrapados entre dúas rúas sen poder avanzar nin recuar. Nesta ocasión reduciron o número de postos a douscentos e pico -fronte os máis de catrocentos do ano anterior-, demostrada a imposibilidade de moverse entre tantos atrancos. Viño, embutidos, doces, artesanía en madeira, antigüidades... enchen as estreitas rúas para pracer dos visitantes e desesperación dos veciños, que non poden acceder ás súas vivendas até o remate da xornada.
Baixo as roupaxes de época (abondo indefinida) entrevense zapatóns contundentes, pantalóns actuais e xerseis para protexerse do frío. Non é caso de, por celebrar a Arribada, coller unha catarreira ou algo peor. Durante os días da festa os altofalantes espallados por todos os recunchos emiten música ambiental a un volume prohibitivo que semella non molestar a ninguén.
Malia todo, resulta unha festa linda para ver unha vez na vida.

Ningún comentario :