6.3.05

Cuarta cousa: a boquilla

Xazo na gabeta superior do escritorio da miña dona; non me atrevo a reprocharlle que me colocase no lado dereito, con facturas e documentos que non frecuenta acotío, pois sei que evita terme presente a todas horas. Coma antes. Estraño as caricias dos seus dedos longos, expertos en tocar, encaixando á primeira un cigarro que sabía a gloria; os bicos dos seus beizos apreixándome suaviño permanecen nidios na miña embocadura, lenes roces de ás de bolboreta a piques de caer rendida, sen mancar. Só ás veces, alterada por unha idea que temía fugaz, aferrábame entre os dentes cuxas marcas conservo coma lembranza dunha vida preñada de sentido. Non me doía.
O fume xa non me percorre o interior do corpo; o lixo non desloce a miña cor de mel de romeu; os anacos de tabaco non atoan desde hai tempo o meu conduto; estou limpa. Só ás veces, moi de cando en cando, sácame do encerro no que vivo des que deixou de fumar. Unha vez, só unha, achegou de novo a súa boca á miña provocándome un tremor esperanzado, axiña malogrado.
Desde aquela eu..., eu adoezo de morriña.

Ningún comentario :