28.3.05

Límites de expresión I

Quixera dicir que non a soporto, que me ataca o nervios, que é unha das persoas máis deplorables que coñezo, que, de as circunstancias seren outras, habería moitos anos que non lle dirixiría a palabra. Pero suponse que son unha muller civilizada.
Quixera berrar ben alto cando berra, explicarlle con puntos e comas por que fracasa no que emprende, por que a xente non actúa como ela quere, por que non volverei poñer un pé na súa casa. Pero suponse que son unha muller civilizada.
Quixera non volver poñer un pé na súa casa, non ter que verlle a cara outra vez, non aturar nunca máis ofensas disfrazadas de azar, non asistir ao penoso espectáculo do que está facendo cos seus fillos. Pero suponse que son unha muller civilizada.

Ningún comentario :