8.3.05

Portas


Non digo nada novo ao afirmar que o motor dos avances é a curiosidade, ese interese por saber que se agacha tras unha porta pechada. Nos dicionarios de símbolos oníricos as portas abertas ou entreabertas son invitacións a dar o paso que conduce a un cambio; se permanecen pechadas, o propio soñador crea pexas para avanzar.
Con frecuencia soño con portas; unha das últimas veces aparecían varias a ambos os lados dun corredor e eu atravesaba dúas para atoparme con senllos cuartos que en tempos pertenceran a dous soldados de distinta clase social. A miña reflexión sobre o clasismo no exército, mentres saía do segundo, quedou coutada polo espanto cando descubrín, ao fondo do corredor, unha quimera moi semellante a esta, mais coa diferencia de que o lado dereito do corpo era branco e o esquerdo, negro. Corricaba choutando coma un cachorro brincadeiro, perdido -ou quizais avivado- todo rastro de fereza; o meu eu soñador non confiou na aparente falta de perigo e lanzouse a percorrer corredores e escaleiras para afastarse axiña de alí. O aprendiz de cachorro viña detrás, grande coma un mundo, amosando un sorriso cheo de dentes nada tranquilizador.
Aínda que tiña outros elementos desconcertantes, aquel soño intrigoume moitísimo. Consultei algúns manuais e neste atopei unha referencia que me deu que pensar; nunha soa frase o autor afirmaba que era símbolo da perversión complexa, ao igual ca outros seres teratolóxicos.
De súpeto decateime de que ese día estivera lendo unha reportaxe sobre outras quimeras que incluía fotografías de persoas cos ollos de distinta cor, sinal inequívoco de seren dous nun só. A mente fixo o resto.

Ningún comentario :