18.3.05

Por fin


Xa sei que non son grande cousa e que decepcionarei a Dorvisou, pero son as primeiras que podo poñer aquí e facíame ilusión. As Cíes, aí á dereita, quedan case enfronte da casa na que vivo; a luz cambia a cada hora do día e esta saqueina á mañá, cando o sol empezaba a acariciar -coma quen non quere a cousa- o que pillaba ao seu paso co permiso dunhas nubes reticentes. Esa pequena chepa que se aprecia á esquerda da foto é unha das Estelas, onde o noso caseiro vai de pesca no verán, actividade que algunha vez nos resolveu o xantar.

Na outra está Vila Real, brillando baixo o mesmo sol e agochando vidas, algún drama e unha evidente especulación inmobiliaria que, máis tarde ou máis cedo, acabará sendo a súa perdición -se non o é xa.
Ao erguerme cada día saio ao balcón a comprobar que aínda está todo no seu sitio, que a ningún diaño burleiro se lle ocorreu a malévola idea de escondelo para deixarnos cos fociños dunha cuarta. Por sorte, cada día descubro que o que me rodea, cando menos, continúa ocupando o seu lugar.
Grazas, Akin. Es un encanto.

Ningún comentario :