17.3.05

O pecado de entreter


Hai días coma o de hoxe que me levanto co abraio prendido das perfebas e non se me vai por moita auga que lles bote; entón remexo na miña beira razoable e rífome a min mesma por seguir mantendo en determinados aspectos esa especie de inocencia que algúns críticos literarios desprezan cunha condescendencia digna de mellores causas. A claridade na escritura está mal vista, é unha concesión a un lector que non a merece, rebaixa a santidade da letra impresa e, por suposto, non di nada a prol do autor que quere ser entendido. A categoría do mesmo sofre un grave revés se, para maior inri, os seus libros entreteñen, achegan unhas horas de pracer e converten en doadas de aprehender ideas profundas... ou que eles coidan profundas.
Así, establecen categorías, separan a palla do gran e clasifican os escritores segundo uns criterios elitistas que pretenden deixar moi claro qué deben ou non deben ler aqueles que aspiran a pertencer ao círculo dos escolleitos. Como non son unha intelectual nin me deixo arredar a estas alturas pola opinión de aparentes puristas, continuarei actuando como adoito: fiarme só dos que me semellen honestos e non insulten.

Ningún comentario :