
Outras fomos máis afortunadas e, cando a nai tiña a nosa actual idade (incluso menos) a moda empurrábaa a levar zapatiños de corte salón, punta de chuchar e tacóns de agulla, deses que embelecen as pernas e dan gráciles andares. Así, na miña primeira adultez, permitinme o luxo de alternar estes cantos contra a Natureza con calzado tan plano que compensaba os nocivos efectos do primeiro.
Logo, esa gran ditadora condenou ao ostracismo a graza a prol da comodidade, andou repartindo paus de cego e agora acepta case calquera cousa nun eclecticismo que axuda a respirar.
A min xa me colle rebelde de máis o retorno dos tacóns de agulla, con seis parafusos e unha placa no nocello dereito, desexosa de que sigan no seu sitio e práctica até o extremo de poñer nos pés só o que me serve para camiñar sen esforzo.
As solas grosas levábanse na adolescencia da miña irmá e na primeira mocidade de miña nai; os tacóns de agulla, na adultez da segunda e na primeira miña; agora rouban corazóns entre as adolescentes, cansas, quizais, de tanta deportiva e pantalón de elefante.
Recoñezo que cando vin aquelas mociñas en flor facendo equilibrios, collidas do brazo por seguridade, pensei en todas as torturas que as nosas bases padecen desde sempre porque é a moda.
Ningún comentario :
Publicar un comentario