13.1.05

Pasos

O meu lado lémure semella querer espertar da súa letarxia, aínda que non me fío en exceso; rebuldeiro e brincador, amante da compañía, en ocasións sociable até meter medo, ten unha pega nada desprezable: como bo fedello é pouco constante.
Polo momento, ofreceuse a colaborar cos donos da libraría na que onte mesmo recollín o dicionario de inglés que contribuirá á miña maior independencia. O proxecto consiste na organización dun concurso de relatos, sen límite de idade nin discriminación de lingua, co fin de darlle vidiña ao Val Miñor (como se lle faltase); falou antes de eu me decatar, mais non llo reprocho. Nos últimos tempos o meu lado moucho adquirira demasiado protagonismo e necesitaba manifestarse se non quería languidecer de vez.
Levaba algúns meses con ganas de implicarme na vida da zona, servirlle de algo a alguén máis ca a min mesma e poñer os coñecementos que teño ao servizo dos outros. Polo menos sei elaborar bases de concursos sen consultar modelos, ler de xeito crítico e valorar un texto para ben e para mal, por algo fun xuíza ao meu pesar.
O ofrecemento foi ben acollido -creo- por todas as partes, con promesas de chamadas telefónicas para continuarmos en contacto e poñérmonos á faena e, incluso, con algún sorriso esperanzado.
Arestora, lémure e moucho andan enleados nunha das súas interminables conversas que non quero escoitar. Sei que rexouban sobre min e prefiro continuar ignorando qué opinan do tema.

Ningún comentario :