17.1.05

Xordos: manual de uso II
Os xordos podemos ser irritables, non tanto a causa dos demais, canto pola propia discapacidade, que nos fai sentir unha especie de impotencia por non entender. Bastantes pensan que, se cadra, se burlan deles aproveitando que andan noutro mundo e iso vai xerando unha progresiva desconfianza que os aílla máis e máis. Outros non somos desconfiados, mais si sentimos esa impotencia que chega a manifestarse como brusquidade, aparentes malas caras ou, sinxelamente, expresión de estúpidos. Non hai que nolo tomar en conta, malia que tampouco convén pasarnos todas, que algúns se aproveitan.
Eu non sirvo demasiado de modelo porque son rara de meu e nunca fixen da xordeira un problema, até que comezou a selo por esas doenzas colaterais das que falei aí embaixo. Con todo, resulta desagradable decatarte de que non respondes á pregunta que che fan ou intervir fóra de onda porque criches oír campás malia non soaren, sobre todo nunha aula con adolescentes; pero todo ten remedio se non ocultas o problema; por regra xeral, ninguén abusa doutro que confesa unha carencia (aínda que haber, hainos).
Os xordos temos dificultades para saber de ónde veñen os sons, por iso é conveniente estar alerta se se pasea á beira dun, non vaia ser o demo que o varra un coche. Tocalos con suavidade abonda para que sigan as indicacións precisas, sen maiores espaventos nin sobresaltos, e para que rectifiquen o camiño ou salven a vida.
Coma todos os discapacitados, somos susceptibles, mais se o noso interlocutor fala con sinceridade ou pregunta ou intenta facelo o mellor posible, adoitamos colaborar encantados da vida, e máis se a comunicación é importante para nós.

Ningún comentario :