7.1.05

Febre
B
e mais eu estamos nun enoooorme hotel, onde compartimos suite cunha parella e os seus cinco fillos; cando estes por fin marchan, nós facemos a equipaxe collendo tubos, canos, plásticos e losetas do que semella unha obra. Cando lle preguntamos a un obreiro se podemos levar tamén unhas táboas de madeira, este dinos que de alí non pode saír nada e baleiramos as bolsas.
Un surfista aproveita a onda dun río para esvarar cara a un prado no que se apea da táboa, agárraa baixo o brazo e marcha camiñando. B xanta e eu miro á beira dunha mesa onde hai unha reunión de blogueiros, entre eles un cura (ehem); intentamos escoitar o que din, pero o oído de B non capta as palabras (eu, menos).

En escoitando os soños de B suxerinlle que puxese o termómetro e comprobase a temperatura. Agora xa está normalizada, despois de dous días de suores e fríos, toses e rabecheces. Xa comeza a bromear, síntoma inequívoco de que a gripe está pasando.

Estiven mirando coche novo. O defunto levarano a despezar. Hoxe volvino ver e semella que un xigante lle arreou cunha moca no teito ou que lle caeu unha árbore enriba ou que quedou panza arriba sobre un muro de pedra. Da impresión, treméronme de novo as pernas e debín durmir unha sesta. Todo o mundo fala marabillas del e do ben que se portou. Menos mal.

Ningún comentario :