
Conservo gravadas a imaxe dun Baltasar nada semellante ao do ano anterior e a miña perplexidade; miña nai teimou en que era o mesmo, até que me confesou que eses non eran os reis verdadeiros, senón delegados, porque os primeiros non daban percorrido tantas e tantas cidades e precisaban axuda.
Se non me trabuco, aquel foi o derradeiro ano da crenza máis máxica de todas, grazas a unha compañeira de colexio que gozou o seu desvelándome o misterio, coa miña escandalizada negativa e, por fin, coa dúbida espetada en todos os trazos da miña face.
Arestora escoito os foguetes que anuncian a chegada de Súas
Maxestades a Nigrán confundíndoos por momentos coas toses de B (está na cama con febre, pero resístese con unllas e dentes a ir ao médico, con non pouca desesperación pola miña parte); tampouco este ano puidemos ir mirar a cabalgata nin as caras dos críos nin os seus sorrisos, pero eu continúo nunha praza da miña aldea contemplando alucinada un Baltasar transmutado sen saber qué pensar.
Ningún comentario :
Publicar un comentario